Galiza afiánzase como o segundo territorio que menos risca o cadro da igrexa no IRPF

Entrada da Catedral polo Obradoiro

Só 25,9% das persoas que fan a declaración da renda en Galiza optan por financiar a igrexa católica, o que supón 7 puntos por baixo da media española, que está en 33,3%. Catalunya é a zona do Estado onde menos se marca ese cadro no IRPF.

Apenas un de cada catro galegos e galegas que fan a declaración da renda poñen o X no cadro correspondente para autorizar que 0,7% da súa factura fiscal vaia para a Igrexa católica. Un cadro que riscaron 25,9% das persoas que presentaron a declaración na Galiza, unha porcentaxe que é 7 puntos inferior á media española, que se sitúa en 33,3%. De feito, Galiza é o segundo territorio do Estado español onde menos porcentaxe de contribuíntes autoriza que parte da súa declaración se destine á igrexa católica. Só Catalunya, con 18,5%, ten ratios máis baixos que Galiza, segundo os dados da propia Conferencia Episcopal, que presentaron esta semana.

 

De feito, e nos últimos anos, a porcentaxe de galegos e galegas que riscan o X da Igrexa na declaración vai minguando: eran 27% en 2016, foron 26% en 2017 e o ano pasado foron 25,9%. No último exercicio marcaron o X da Igrexa na Galiza 334.000 declarantes. Iso reportou ás arcas eclesiásticas máis de 9.687.000 de euros. En total, no conxunto do Estado, recadaron 267 millóns, a cifra máis alta desde o inicio deste sistema de asignación tributaria.

 

Con Catalunya e Galiza, o terceiro territorio no podio de menos contribuíntes á igrexa son as Canarias, con 26,8%

 

E as que máis

 

No outro estremo sitúase Castela-A Mancha, onde 46% das persoas elixen que parte do seu IRPF vaia para a institución relixiosa. A Rioxa, Estremadura, Castela León e Murcia, superan 40% das persoas declarantes que riscan cun X os cadros para a Igrexa.

 

Nese 26% de galegos que optan por destinar 0,7% da súa factura fiscal á Igrexa católica englóbase tanto a aqueles que poñen o X no cadro da Igrexa Católica como os que riscan as dúas opcións, é dicir, que elixen que parte do seu IRPF vaia a esa institución relixiosa e tamén a entidades de fines sociais.