Galiza volverá saír á rúa a vindeira segunda feira "contra o xenocidio do pobo palestino" por parte de Israel

Manifestación en Compostela en solidariedade con Palestina (Foto: Arxina).
Mar de Lumes, BDS-Galiza, Galiza por Palestina e a Asociación Jenin volven convocar novas concentracións en até 25 localidades galegas para reclamar o cesamento do fogo en Palestina e que Israel “deteña o xenocidio que está a cometer”.

Mar de Lumes, BDS-Galiza, Galiza por Palestina e a Asociación Jenin volven convocar novas concentracións en até 25 localidades galegas o vindeiro 26 de febreiro para reclamar o cesamento do fogo en Palestina e que Israel “deteña o xenocidio que está a cometer”.

Estes catro colectivos levan desde o inicio da actual agresión israelí a Gaza e Cisxordania mobilizando a sociedade galega a través de manifestacións nacionais, mobilizacións comarcais, palestras e demais.

Óscar Valadares, voceiro da organización internacionalista galega Mar de Lumes, afirmaba a Nós Diario nunha entrevista recente, a inicios de xaneiro, que “na Galiza existe unha sensibilidade internacionalista importante. O noso pobo identifica ben os conflitos no mundo e ten demostrado saber situarse do lado das vítimas, e non cos agresores”.

“No caso da Palestina, e malia toda a propaganda, a liña é clara e a resposta masiva. Non hai moitos conflitos capaces de concitar máis de 200 convocatorias en pouco máis de dous meses. E iso explícase pola gravidade desta fase en forma de xenocidio”, acrecentaba.

Horas e lugares

A Coruña, Obelisco, 20 horas
A Guarda, praza Avelino Vicente, 20 horas
Allariz, A Barreira, 20 horas
Betanzos, cantón de Claudino, 20 horas
Cangas, praza do concello, 20 horas
Cee, praza 8 de marzo, 20 opras
Carballo, praza do Concello, 20 horas
Compostela, praza do Toural, 20 horas
Ferrol, praza do Concello, 20 horas
Foz, diante do Concello, 20 horas
Lalín, prazada igrexa, 21 horas
Lugo, diante do Concello, 20:30 horas
Monforte, praza de España, 20:30 horas
Noia, diante do Concello, 20:30 horas
O Carballiño, praza Maior, 20 horas
Ourense, subdelegación de Defensa, 20 horas
Pontedeume, praza do Concello, 20 horas
Pontevedra, praza da Peregrina, 20 horas
Redondela, praza do Concello, 20 horas
Ribeira, praza do Concello, 20 horas
Val Miñor, cruce da Ramallosa, 20 horas
Vigo, A Farola, 20 horas
Vilagarcía, praza de Galiza, 20 horas
Viveiro, praza Maior, 20 horas
Vilalba, praza da Constitución, 20:30 horas

Apartheid

Esta terza feira, Suráfrica denunciou ante a Corte Internacional de Xustiza (CIX) que o apartheid imposto por Israel contra a poboación palestina "é unha forma aínda máis extrema" do institucionalizado durante décadas no Estado do continente africano.

"Nós, como surafricanos, vemos, escoitamos e sentimos totalmente as políticas e prácticas inhumanas e discriminatorias do réxime israelí como unha forma aínda extrema do apartheid institucionalizado contra os negros no meu país, casualmente desde 1948", dixo Vusimuzi Madonsela, embaixador de Suráfrica nos Países Baixos.