A Galiza volve superar os 2.000 casos activos de Covid-19

Unha persoa recibe a terceira dose da vacina contra a Covid-19 na Galiza . (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)
Ascenso continuado dos casos de Covid-19 na Galiza a cifras de mediados de setembro mentres se mantén estábel a presión nos centros de saúde.

O número de contaxios por Covid-19 na Galiza continúa a reputar, vén de confirmar a Dirección Xeral de Saúde Pública. Na última actualización, das 18 horas da quinta á mesma hora da sexta feira, informa de que volven superarse os 2.000 casos activos, o que non pasaba desde o 19 de setembro.

As áreas sanitarias máis afectadas polas 2.259 persoas contaxiadas -284 máis que onte-, son as de Ourense (575) e Vigo (516). A da Coruña permanece por baixo dos 500, con 414, seguida da de Lugo (224), Compostela (211), Pontevedra (196) e Ferrol (123).

Aínda que menos acelerada que no caso de Ourense e Vigo, na área sanitaria da Coruña e Cee, a suba colócaa a piques de superar o limiar no que a propagación do coronavirus se considera controlada.

Malia a alza na cifra de contaxios, a presión hospitalaria mantense estábel, con 12 pacientes ingresados en unidades de coidados intensivos e 51 en unidades de hospitalización. 2.196 persoas recupéranse no seu domicilio.

Unha nova morte

Con respecto ao último informe da Consellaría de Sanidade, rexistrouse un novo falecemento, o que incrementa a 2.662 o número de defuncións con Covid-19 desde o comezo da pandemia na Galiza.

No que atinxe á taxa de positividade, localízase no 4,8%. A Organización Mundial da Saúde considera que a expansión do virus está controlada cando non supera o 5%. Das 1.099 probas efectuadas (629 PCR, 450 test de antíxenos e 20 de saliva), 50 deron positivo. O número de PCR realizadas a partir da aparición do SARS-CoV-2 é de 2.948.623.

Cos últimos datos de sanidade, até 180.861 pacientes que padeceron a enfermidade xa están curados, mentres que o número de doses de vacina contra a covid-19 picadas é de 4.647.718, pouco máis de 2.300.000 persoas xa teñen a pauta completa.