A Galiza tínguese de azul polo Día de Concienciación sobre o Autismo

Acto da Federación Autismo Galicia na Fundación Menela de Vigo. (Foto: Nós Diario)
A Federación cifra en 27.000 as persoas con TEA.

Institucións e entidades sumaron esta terza feira esforzos para conmemorar o Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo con diversas actividades, aproveitando a ocasión para informar a veciñanza sobre este trastorno coa lectura de manifestos nos que explicaron propostas, iniciativas e accións de comunicación para construír unha Galiza "máis inclusiva, equitativa e participativa"

Vilas e cidades enchéronse de símbolos do infinito pintados de cores, así como de "infinitos humanos", pois este é o símbolo da conmemoración, representando que o autismo "non é linear, senón un espectro, unha condición diversa"–, nuns actos que contaron coa colaboración de persoas usuarias das asociacións que prestan servizo ás persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA). 

Concretamente, o acto institucional da Federación Autismo Galiza decorreu no edificio CAMI da Fundación Menela en Vigo. Co gallo do Día da Concienciación sobre o Autismo, a federación incidiu na "importancia da colaboración coas distintas entidades e o apoio da Administración, para seguir avanzando e construíndo un futuro cada día máis xusto para as persoas con TEA". 

Baixo o lema da campaña deste 2024, "Autismo está perto de ti", a Federación Autismo Galiza aproveitou para lembrar que "cada día medra a prevalencia", até alcanzar na actualidade 1 de cada 100 nacementos, e estimou que pode haber unhas 27.000 persoas con TEA na Galiza.

"Elevamos as voces como mostra de solidariedade e compromiso coas persoas con autismo e coas súas familias. Porque, todos os días, o autismo está perto de ti", clamou a federación.

'Light Blue'

Como xa é tradicional, edificios e monumentos alumeáronse de cor azul, no marco da iniciativa mundial coñecida como Light Blue, como mostra de apoio e solidariedade coas persoas con TEA e as súas familias. A Ponte Vella de Ourense, o Pazo de Raxoi en Compostela e a Torre da Homenaxe de Monforte de Lemos son algúns dos 45 edificios que onte se tinguiron de azul na Galiza.