Ensino

Galiza, a autonomía onde menos subiu o investimento no ensino: tres puntos por baixo da media no Estado

A Galiza sitúase á cola do incremento no gasto educativo no Estado. (Fonte: Ministerio de Educación)
O investimento público no ensino na Galiza aumenta mais faino moi por baixo da media do conxunto do resto de comunidades, de tal forma que o incremento do gasto educativo no país é o máis baixo entre os 17 territorios.

O Ministerio de Educación vén de publicar as súas estatísticas a respecto do investimento en ensino no Estado e nas comunidades, datos nos que se fai unha radiografía dos diferentes gastos en educación e pemite unha perspectiva comparada entre os diferentes territorios. Unha comparativa na que a Galiza non sae ben parada, pois é a autonomía que menos aumenta porcentualmente o seu investimento educativo, 1,4%. A media de incremento nas autonomías foi de 5,7, o que supón 4,3 puntos máis.

Os datos —correspondentes ao exercicio 2022— sitúan a Galiza lonxe da seguinte comunidade onde menos subiu o investimento no ensino, Catalunya (+2,9%).  Nesa relación de territorios salienta o País Valencià, onde o investimento público en educación creceu 10,5 %; A Rioxa, con 9,2 %; Andalucía con 8% ou Nafarroa, con case  8 %. 

No ano analizado o investimento educativo na Galiza foi de 2.842 millóns de euros. Ao redor de 33 % do investimento en educación destínase ás etapas de infantil, primaria e educación especial, figurando moi perto secundaria e formación profesional, con 30,4 %. A educación universitaria sitúase case en 20 % e bolsas e axudas ao estudo o 5 %. Un dato, o transporte escolar supón 43 millóns de euros e os comedores e residencias escolares (non universitarias) case 51 millóns.

Nas estatísticas do Ministerio non figuran desagregados gastos como o quer destina a Consellaría de Educación ao pagamento do profesorado de relixión. Para o presente curso (2023-2024) destina a tal efecto case 30 millóns de euros. Un persoal docente integrado actualmente por perto de 690 profesores e profesoras que a Administración galega paga mais que designa a Igrexa, a mesma que se encarga de determinar que contidos se dan ou non na materia de relixión, que na Galiza cursan máis de 160.000 alumnos e alumnas.

Eses case 30 millóns de euros para pagar este profesorado elixido polos Episcopados —e que deben ter a declaración eclesiástica de idoneidade outorgada pola Diocese correspondente e que dá fe dunha doutrina "recta" e testemuña a "vida cristiá"— equivalen, por exemplo,  a 60% do que a Consellaría destina este curso a comedores escolares, que atenden 60.000 alumnos e alumnas.

Privada

O informe do Ministerio sobre gasto público rexistra tamén que en 2022 houbo transferencias da Xunta da Galiza a centros de ensino de titularidade privada por 337,1 millóns de euros, a cifra máis alta até o de agora e un incremento de 7,6% a respecto do que se transferiu a privada e concertada o ano antes, 2021, que foron 313 millóns. Unha suma do investimento educativo entre 2012 e 2022 indica que a Xunta da Galiza entregou ao ensino privado ao redor de 2.500 millóns de euros.

O incremento do gasto público ao longo deses 10 anos foi de 26,5%, ao pasar de 2.246 millóns a 2.842 millóns de euros; mentres que as partidas para a privada e concertada aumentaron en 44%.