Galiza terá representación no ‘Grand Prix’: Burela competirá con 13 vilas do Estado español

Semifinal do 'Gran Prix' o pasado verán. (Foto: Europa Press)

O programa foi a mellor estrea do ano en televisión no ano 2023

O municipio de Burela (A Mariña) é un das 14 localidades seleccionadas para participar na nova edición do ‘Grand Prix do Verán' de Televisión Española.

A localidade mariñá toma así a testemuña de Brión (comarca de Compostela), representante galego no regreso do mítico programa o pasado verán ao prime time da 1 despois de 18 anos, converténdose na mellor estrea do ano en televisión.

As vilas enfrontaranse, coma sempre de dúas en dúas, en sete programas eliminatorios. Os catro mellor puntuados clasificaranse para as dúas semifinais. A vila gañadora de cada unha delas accederá á gran final do concurso.

As 14 localidades que concursarán nesta nova edición serán, en orde alfabética: Almacelles (Catalunya); Bembibre (Castela e León); Binissalem (Illes Balears); Burela (Galiza); Cangas de Onís (Asturias); Llerena (Estremadura); Medio de Cudeyo (Cantabria); Morata de Tajuña (Madrid); Ondara (País Valencià); Olvera (Andalucía); San Adrián (Navarra); Santo Domingo da Calzada (A Rioxa); Tauste (Aragón); e Villanueva de la Fuente (Castela -A Mancha)

Producido por RTVE en colaboración con EuroTV Producións (Grupo iZen), 'O Grand Prix do Verán' converteuse no seu regreso na mellor estrea do ano en televisión, cun 26,1% de cota. As súas sete entregas foron líderes absolutas da súa franxa, cunha media de 1.689.000 espectadores e espectadoras en liña e 336.000 en diferido e un 19,4% de cota. Un dato que supera por 1,9 puntos a media lograda na súa última edición emitida na 1 no verán de 2005.