A oferta por cada 100 persoas mairoes de 65 non chega a 3%

Galiza ten a porcentaxe de prazas públicas en residencias para persoas maiores máis baixa de todo o Estado

Imaxe de arquivo da Residencia Ballesol de Vigo (Foto: Ballesol)
No Estado español as prazas de financiamento público en residencias para persoas maiores suman un total de 242.206 das 389.031 existentes en todo o territorio, é dicir, até 62% do total. Mentres na Galiza, a porcentaxe de prazas públicas sobre o total é de 41%, cifra máis baixa de todas as comunidades, o que implica que a maioría sexan privadas.

Así o reflicten as cifras oficiais do Imserso (Instituto de Maiores e Servizos Sociais) recollidas entre as 5.542 residencias do Estado, con 1.435 públicas e 4.107 privadas, e que a Asociación de Directoras e Xerentes analizou na segunda feira a través dun informe.

Galiza, ademais de ser o territorio con maior proporción de prazas privadas, segundo o documento recollido por Europa Press, o noso país é a terceira área con maior déficit de prazas residenciais.

En concreto, sae á luz unha carencia de 14.902 prazas, tan só superada por Andalucía (28.457 prazas) e pola Comunidade Valenciana (21.900 postos).

Do mesmo modo, Galiza sitúase entre os catro únicos territorios que non superan 3% de prazas residenciais por cada 100 persoas maiores, e isto a pesar de que a Organización Mundial da Saúde (OMS) recomenda 5%.

En canto ás cifras de todo o Estado, 62% do total das prazas nestes centros son de financiamento público e o 38% son prazas de financiamento privado, e Euskadi é a área cunha maior porcentaxe de prazas públicas, até 74%, fronte a 41% no caso da Galiza, situación totalmente oposta..

O informe indica ademais que, o índice de cobertura de prazas por persoas maiores de 65 anos no Estado español é de 4,2%, con 2,6% de prazas de financiamento público propias ou concertadas, e 1,6% de financiamento privado.

No referido ao prezo público anual por persoa usuaria, a asociación indica que é de 20.686 euros e o da concertación 19.324, o que supón que a achega media é de 36% e de 40%, respectivamente, segundo o informe.