8 de cada 10 prazas en entidades prestadoras de servizos sociais da Galiza son privadas

(Foto: Europa Press)

As mulleres representan o 87,2% do seu persoal asalariado e os voluntarios, sen remuneración, supoñen 28%

O 79% das prazas residenciais nas entidades prestadoras de servizos sociais de Galiza son de titularidade privada, segundo a enquisa que publica o Instituto  Galego de  Estatística (IGE), con datos correspondentes a 2018.

Na categoría de prazas residenciais inclúense aquelas ocupadas por menores en casas de acollida, por residentes en centros de maiores e por residentes en centros para persoas con algunha discapacidade.

O número de prazas residenciais nas entidades prestadoras de servizos sociais con actividade na Galiza ao 31 de decembro de 2017 era de 22.074 e aumentou "lixeiramente" en 2018, até chegar ás 22.123 prazas.

A porcentaxe de ocupación destas prazas é do 95,7% e esta porcentaxe sobe ata case o 100% no caso das prazas públicas (o 98,8% en 2017 e 98,2% en 2018).

As porcentaxes máis baixas de ocupación atópanse nos centros residenciais privados non financiados. Con todo, neste caso supérase o 94% de ocupación nos dous anos do estudo.

Na categoría de prazas residenciais inclúense aquelas ocupadas por menores en casas de acollida, por residentes en centros de maiores e por residentes en centros para persoas con algunha discapacidade

O 9,4% das prazas residenciais están ocupadas por persoas de 50 ou menos anos. Por sexo da persoa, esta porcentaxe sobe ata o 15,2% no caso dos homes. Por outra banda, o 59,7% das prazas residenciais están ocupadas por persoas maiores de 80 anos e, neste caso, ao desagregar por sexo, a porcentaxe de prazas ocupadas por mulleres que superan esta idade é superior á de homes (67,4% no caso feminino fronte a 47,1% no caso dos homes).

Na categoría de prazas non residenciais inclúense aquelas ocupadas por menores en garderías ou escolas infantís, por maiores que asisten a centros de día e por persoas que asisten a centros que atenden necesidades especiais.

Nas entidades prestadoras de servizos sociais o emprego feminino supera ao masculino. As mulleres representan o 86,4% das persoas asalariadas en 2017 e o 87,2% en 2018.

Estas porcentaxes baixan ao tratarse do traballo por conta propia; neste caso, o sexo feminino representa o 53,9% das persoas que traballaban por conta propia nas entidades prestadoras de servizos sociais en 2017 e o 51,3% en 2018.

Un dato "para subliñar" que, segundo o IGE, "fai destas unhas entidades especiais", é que as persoas que prestan os seus servizos voluntariamente, sen percibir a cambio unha remuneración, supoñen o 29,4% do persoal empregado por estas entidades en 2017 e o 28% en 2018, "porcentaxes moi elevadas se se comparan con outro tipo de entidades".