A Galiza ten un déficit de 13.850 prazas en residencias

(Foto: Europa Press)

Continúa por baixo da media estatal en prazas de financiación pública por cada 100 persoas maiores.

O índice de envellecemento, calculado como o cociente das persoas de 65 ou máis anos entre as menores de 20, multiplicouse por catro na Galiza desde 1975 e supera a media estatal. Unha das derivadas desta situación é a necesidade de atender unha poboación cada vez máis avellentada. Un reto global ante o que a Organización Mundial de Saúde (OMS) situou como necesario dispor de cinco prazas en residencias por cada 100 persoas maiores de 65 anos de idade. 

Na Galiza, segundo os datos que vén de facer públicos a Asociación estatal de directores e xerentes de servizos sociais, Precisaríanse case 14.000 novas prazas en xeriátricos para cumprir coa media fixada pola OMS.

Para alén dese déficit, hai outro a respecto da media do Estado e no que ten a ver coa cobertura ou financiamento público das prazas destes centros para maiores. No Estado, por cada 100 persoas de máis de 65 anos hai 2,8 prazas financiadas publicamente, mentres que na Galiza esa cifra cae até 2,29.

Menos de 20% das residencias de maiores da Galiza son públicas. Apenas 5.000 das 22.000 prazas que hai no noso país están en centros públicos. No entanto, aumentan as prazas privadas e tamén aquelas de xestión privada mais sufragadas con fondos públicos. Familiares de usuarios e sindicatos teñen denunciado en máis dunha ocasión que a estratexia da Xunta avanza cada vez máis na "privatización" dun servizo que debera ser público. 

A Galiza fechou 2022 cun total de 409 residencias de maiores, das que máis da metade son privadas (213 residencias; 52%), sendo apenas 20% públicas (90 centros).  As outras 106 son de iniciativa social (26%), concepto que engloba desde aquelas sen ánimo de lucro — como a ducia que representa a Asociación Galega de Residencias e Centros de Anciáns de Iniciativa Social Acolle— até outras como pode ser a Fundación San Rosendo, o segundo operador de servizos de xeriatría da Galiza e ligada á igrexa católica. A Xunta da Galiza destinou nos orzamentos para 2023 perto de 100 millóns de euros para financiar as residencias privadas de maiores.

Este escenario favorece que as residencias de maiores na Galiza sexan vistas como un negocio, o que atrae a atención de diferentes investidores, tamén de fóra do propio Estado español.

Unha das interesadas vén de dar o paso e entrar no negocio dos centros de maiores galegos. É a xestora de fondos luxemburguesa Threestones Capital Management. A propia firma defínese como un grupo independente de xestión de investimentos de rápido crecemento. A empresa xestiona vehículos de investimento regulados de capital privado inmobiliario.

A súa operación contempla a adquisición de cinco activos de DomusVi, antiga Geriatros, por un importe de 30 millóns de euros. Tres deses cincoc entros están na Galiza, nas localidades de Noia (comarca homónima), Lalín (comarca do Deza) e Cangas (O Morrazo).