O número de vítimas mortais na Galiza por coronavirus elévase a 278

Imaxe de arquivo (Arxina)

Nas últimas horas faleceron 13 persoas, 6 en hospitais e 7 en residencias.

 

O falecemento doutras 6 persoas en hospitais e 7 máis en residencias de maiores da Galiza elevou a 278 o número de vítimas mortais do coronavirus, 221 en centros hospitalarios e 57 en centros xeriátricos, segundo os datos trasladados esta cuarta feira pola Consellería de Sanidade e polo presidente do goberno autonómico, Alberto Núñez Feixoo, nunha comparecencia após a reunión do Consello.

Así, segundo trasladou Sanidade, nas últimas horas morreron un home de 83 anos e unha muller de 91 anos no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense; dous homes de 76 e 88 anos de idade no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña; unha muller de 93 anos no centro HM Rosaleda de Santiago; e outra muller, de 80 anos de idade, no Hospital Comarcal de Valdeorras.

Por outra banda, ao cómputo de falecidos con COVID-19 en residencias de maiores, que era de 49 persoas até esta terza feira, súmanse outras 8 mortes, segundo confirmou Núñez Feixoo, polo que o total é de 57 falecementos. Así, a cifra global ascende a 278 vítimas mortais.

Nas últimas horas, a Xunta anunciou un cambio no sistema de comunicación das mortes por coronavirus. Até agora, Sanidade notificou os falecementos que se producían nos hospitais da Galiza, mentres que Política Social daba conta, unha vez ao día, das mortes rexistradas nos centros de maiores (xa que os residentes que eran trasladados a hospitais, estaban incluídos no cómputo que facía público o Sergas).

Desde agora, segundo trasladou o Goberno galego, será a Consellería de Sanidade a que comunique o balance global (en hospitais e centros xeriátricos) de falecidos.