Galiza tece alianzas co feminismo de Honduras e O Salvador: "Somos as mulleres as que poñemos o corpo para a loita"

Alba Mejía e Wendy Castillo, activistas polos dereitos humanos en Honduras e O Salvador. (Foto: Arxina).

Durante oito días activistas polos dereitos das persoas socializadas como mulleres en Honduras e O Salvador, compartiron a súa experiencia de "resistencia e loita pola vida" na Galiza. Foi no marco do proxecto 'Elas Deciden', impulsado pola ONG Asemblea de Cooperación pola Paz Galiza.

Corpo, territorio e paz foron os tres conceptos que desde o pasado día 3 até esta cuarta feira, 10 de abril, guiaron a visita de traballo á Galiza de Wendy Castillo, feminista e activista salvadoreña pola promoción dos dereitos humanos en persoas LGBT, e Alba Mejía, feminista e activista pola defensa dos dereitos humanos en Honduras. Corpo, territorio e paz, explican a Nós Diario, son tres elementos conectados e indispensábeis para alcanzar a equidade de xénero e a xustiza social, un proceso no que o empoderamento das mulleres resulta esencial.

O seu paso por Galiza valeulles para sumar aprendizaxes e recoñecer "realidades comúns en territorios diferentes". "En América Latina e na Galiza compartimos opresións similares, como a violencia de xénero, o dereito a decidir ou a culpa", un sentimento habitual en mulleres, a medio camiño entre o temor e a vergoña, que nos seus encontros con colectivos feministas da Galiza saíu a relucir.

É o feminismo o que sempre se levanta ante calquera ataque aos dereitos humanos

Mejía traballa no Centro de Dereitos de Mulleres, unha organización feminista desde a que coordina un programa de fortalecemento do liderado de mulleres novas, "mulleres rurais, indíxenas, campesiñas e garífunas que defenden o territorio de proxectos extractivos".

Son mulleres que teñen asentado o seu rol como defensoras da terra e do medio ambiente, líderes nun sector agrario dominado por homes, "grandes terratenentes ou empresas" que dificultan o seu acceso á terra ou que buscan despoxalas daquela que xa gobernan. "Son mulleres que enfrontan unha pobreza extrema, moi valentes, cunha gran capacidade organizativa" nun medio hostil, no que hai "narcotráfico, crime común, violencia machista e política", precisa Mejía, quen as acompaña no reforzo da súa conciencia feminista para estender a defensa dos seus dereitos máis aló do territorio.

Disidencias sexuais

Mejía e Castillo participaron en obradoiros de traballo na Coruña e Compostela, mais visitaron tamén Vila de Cruces, onde coñeceron a historia das mulleres nas minas do Fontao, e Ferrol, onde percorreron o 'Ferrol Desviado'.

Esa andaina histórica polas disidencias sexuais e de xénero de persoas ligadas á cidade prendeu en Wendy Castillo. "Impresionoume. Creo que é moi importante manter viva esa memoria. Transportoume a San Salvador, ao centro histórico, ao bar El Hoyo, onde van as persoas trans e a comunidade LGBT", que alí, precisa, aínda ten que esconderse para poder ser. "Vou coa idea de facer algo semellante, de contar a historia das persoas LGBT".

Tamén na galiza constatamos a impotencia contra a dificultade de afrontar as loitas de maneira colectiva

No Salvador, como en Honduras, recoñece Castillo, "somos as mulleres as que poñemos o corpo para a loita. É o feminismo o que sempre se levanta ante calquera ataque aos dereitos humanos". Como parte da Rede salvadoreña de defensoras de dereitos humanos e da Colectiva feminista para o desenvolvemento local, Castillo traballa "polo coidado das defensoras" e acompaña mulleres en situación de violencia. "Violencia machista, persecución política, cada vez máis intensa contra as xornalistas".

Porén un dos maiores orgullos é a loita que desenvolven contra a despenalización do aborto, unha práctica penalizada por lei máis tamén "a nivel de pensamento das persoas". Moitas mulleres son "criminalizadas" con até 30 ou 50 anos de cárcere "porque se lle cambia a tipificación de aborto a homicidio agravado". De aí a importancia de seguir a traballar na idea da interrupción do embarazo "pola vida e a saúde das mulleres", conclúe.

Durante oito días Alba Mejía e Wendy Castillo mantiveron encontros abertos ao público e outros fechados con colectivos feministas da Galiza na busca de espazos seguros "onde compartir historias de vida, poder revelar o que nos pasa e que outras nos escoiten", asegura Castillo. Mais tamén para poñer en común outra realidade que transcende os territorios: "A impotencia contra a dificultade de afrontar as loitas de maneira colectiva", advirte Mejía.