Encarna Otero: “Temos obriga de darlle a palabra ás mulleres na historia”

A historiadora Encarna Otero ten investigado en numerosas ocasións a historia das mulleres, coñecidas e anónimas, mais agora achegouse a elas acompañada dunha cámara para rexistrar a súa imaxe e a súa voz. O resultado é “A luz do negro”, un documentario que afonda na historia das mulleres na minaría, desde un grupo de testemuñas que traballaron na de wolframio de Fontao. O proxecto está promovido pola Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega. 

Encarna Otero
photo_camera Encarna Otero

-Por que decide investigar a historia das mulleres nas minas do Fontao? 

En primeiro lugar, responde a unha nova liña de traballo que iniciou a Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega da que formo parte. Tratábase de recuperar memorias vivas, a historia na súa propia voz daquelas mulleres que foron parte activa da economía, e por ende da sociedade galega, e que nos documentos oficiais de historia ou economía non aparecen, ben porque forma parte do que se chama economía oficial ou ben xa só por se trataren de mulleres. A historia componse sempre de varios elementos e para min foi importante ter sentido falar a meu pai das mulleres que lavaban na minaría. El traballara durante moitos anos na Compañía Mineira Santa Comba e evidencioume que había mulleres no volframio e iso espertou o meu interese. Despois, unha das cousas boas que fixo o goberno bipartito, que foron moitas, foi rehabilitar o que faltaba do poboado do Fontao -as vivendas xa estaban-, onde había un cine, dúas escolas, un economato e unha igrexa. 

-Ese proxecto que vostede promoveu desde a Consellaría de Vivenda tiña vontade de recuperar a historia do Fontao?

A raíz del fíxose un plan director, púxose en marcha un programa europeo para a súa rehabilitación e desenvolveuse unha exposición. Nesa mostra aparecían moitas imaxes con mulleres, moitísimas, e entón era fácil ver o papel activo que elas tiñan na economía. Coñecía o poboado e cando regresei, foi entrar en contacto coa Asociación de Veciños e alí xa Lurdes, que ten un grande protagonismo no proxecto, me presentou ás verdadeiras protagonistas que son Pura, Ramona, Juventina, Visita, Celsa e tamén o señor Xosé, que son os que teñen voz no documentario. 

"No Fontao chegaron a traballar alí por volta de 7.000 persoas e no poboado había sesenta bares, tres cines e tres salóns  baile"

-Achégase como investigadora, mais grava e elabora logo un documentario para a súa difusión. 

De todo o material, do audio e o vídeo gravados, recolleuse só unha aparte, ao que Teresa Navarro, Beatriz Pérez Mosquer e Manuel Gago, profesionais do Consello, lle deron forma. O meu papel foi facer as entrevistas e elaborar o guión para o documentario que reúne o que queríamos con esta investigación. Mostra como a economía do volframio foi unha luz no mundo tan terrible dos anos corenta, duro, de represión. No Fontao traballaban presos, estaba a guerrilla... todo iso xerou un mundo distinto. Chegaron a traballar alí por volta de 7.000 persoas e no poboado había sesenta bares, tres cines e tres salóns baile -unha das mulleres que fala rexentaba un deles-, todo isto nun tempo no que a represión e a cruzada eran as que se impuñan. Todo o mundo andaba detrás do volframio. Os nazis tiñan a concesión, os ingleses tamén o querían e a guerrilla, tamén. Fontao era un lugar do desexo. 

-Un espazo moi literario tamén... 

O Fontao ten moita literatura, mesmo un dos presos que estivo alí escribiu unha novela e tamén se fixo un documental, mais faltaba o traballo delas, porque tamén eran importantes. Mesmo a propia empresa chegaba a comprar volframio na economía informal. Ademais, no Fontao quedou un poboado, construído como os de colonización que facía Franco, onde se está a recuperar a memoria. Hoxe está rehabilitado e ten unha asociación de veciños moi sólida que explica, por exemplo, que “A luz do negro” se estrease alí e nas festas de Santa Bárbara, que recuperan na memoria de todas as persoas que traballaron na mina. Todo isto fai do Fontao un lugar especial. 

-En que consistía o traballo das mulleres na minaría?

Para a mina, para e empresa, o único que están é para lavar, mais tamén traballaban nas cuadrillas que son grupos de homes e mulleres que se xuntan para buscar mineral. Procuran unha concesión e en principio téñenllo que vender á empresa pero realmente véndeno a quen pague mellor. Ademais, tanta xente que chega ao Fontao ten que comer, que durmir e están os espazos como os salóns de baile nos que as mulleres tamén traballan. Directamente no mineral ou na economía que xeran, todas as mulleres traballan aínda que, o obxectivo principal era ir ás pedras, porque por elas era moito o que pagaban. As mulleres contan tamén que a vida non custaba nada, podías morrer na mina ou podía matarte a garda civil. 

"Non entendo como o cine non ten explotado a veta do Fontao". 

-Malia iso, para vostede o Fontao foi un espazo de felicidade?

Descubrir a alegría que as mulleres lembran foi unha grande sorpresa. “Tiñamos os mozos que queriamos”, dixéronme e tamén lembran que aquilo era unha festa. Pensando en como eran os anos corenta, realmente podemos pensar no Fontao como nunha illa. Unha das mulleres, Celsa, conta que mesmo había algún preso que puña escola polas tardes, así que, polo tanto, alí perviviron as Misións Pedagóxicas e a Institución Libre de Enseñanza. Consecuencia de todo iso, o Fontao era un mundo distinto. Era un lugar tamén de atracción, viña moita xente para ver que se podía facer e que se podía quitar porque os cartos circulaban. Con todo isto, non entendo como o cine non ten explotado a veta do Fontao. 

-Achégase ao audiovisual como investigadora, para rexistrar a memoria viva das mulleres. Esqueceuse o papel das mulleres anónimas?

Deste traballo vai quedar un arquivo de material importante que van poder aproveitar investigadores de múltiples ramas. Para elas, narrar isto é vida, non son conscientes da súa participación na economía produtiva. Cando consegues que falen ábrese un mundo impresionante que precisa un punto de vista distinto, unha análise con perspectiva de xénero. Cómpre facer visíbeis física e historicamente ás mulleres. É preciso darlles o protagonismo histórico que en realidade teñen. Eu vinas nas fotos, estaban nas fotos pero era preciso darlle tamén voz. 

-En que quedou o museo da minería que proxectaron?

No bipartito traballaramos seis consellarías no proxecto. Fíxose o plan director e o proxecto de actuación polo que Europa nos felicitou. O goberno seguinte rematou a obra, pero agora todo está pechado. O alcalde de Vila de Cruces está máis preocupado por recuperar placas franquistas! Só a soberbia e a ignorancia explican que todo quedara paralizado. 


-A nivel persoal, que significa agora devolverlle a memoria ás mulleres. 

Para min é unha débeda que tiña co meu pai. Debo tamén esta inquietude a Joam Carmona que me achegou á historia das mulleres industriosas e tamén, claro está, ao feminismo. Temos obriga de darlle a palabra, a voz e poñerlle cara a tantas mulleres cun papel relevante e anónimo na nosa historia!

-Dentro da Comisión de Igualdade, vostede sempre pulou por darlle luz ás mulleres que traballaban no mundo do audiovisual. 

Hai moitas mulleres traballando e con proxectos de moito interese e é preciso que saian á luz. O do audiovisual é o mundo das grandes producións e as multinacionais e, como as mulleres van sempre nas marxes, é difícil que aparezan. Buscamos que as mulleres autoras, protagonistas, teñan o seu espazo. Co ciclo de “Creadoras Galegas do Audiovisual” abrimos moitas vías que estaban aí, estaban traballando, só había que poñerlles o foco enriba.

 

Comentarios