Galiza tamén evitará a vaga de frío posterior a Filomena

Estrada xeada en Folgoso do Courel (Foto: Deputación de Lugo)

As xeadas aínda serán intensas na segunda feira na Galiza, mais irán a menos co avance da semana. Mesmo na tarde de mañá haberá sol e pouco vento. Galiza tamén evitará así a vaga de frío que o resto do Estado terá após a borrasca Filomena. O presidente Pedro Sánchez apelou á coordinación entre Administracións ante os estragos do temporal en boa parte do Estado. Prevese que a segunda feira poida aterrar en Madrid o avión coas vacinas de Pfizer para a súa distribución no Estado.

O frío remitiu na Galiza durante a madrugada deste domingo, 10 de xaneiro, na que se rexistraron as mínimas máis altas das últimas xornadas despois de varias noites en que os termómetros caeron por baixo dos -10 graos.

A mínima das últimas horas alcanzouse en Cabeza de Manzaneda con 7,5 graos baixo cero rexistrados ás 9.20 horas deste domingo, segundo datos de Meteogalicia. Os medidores da axencia meteorolóxica situados a máis de 900 metros de altitude captaron temperaturas por baixo dos cinco graos en Lardeira, en Carballeda de Valdeorras, (-5,8º C ás 8 horas) e en Corzos, na Veiga (-5,2º C ás 09,30 horas).

Este domingo hai vento do nordés, responsábel de que as xeadas fosen moito menos intensas que nos días anteriores na Galiza, pero a cambio fai que se manteña a sensación de frío durante toda esta xornada. 

Segundo Meteogalicia, esta semana que entra Galiza, que esquivou a borrasca Filomena, tamén evitará a vaga de frío que o Estado experimentará despois do temporal. “En xeral o tempo será moi tranquilo”, di o servizo meteorolóxico.”A nós tampouco nos afectará a vaga de frío posterior á borrasca Filomena”, di, e anuncia xeadas aínda intensas esta segunda feira, que irán a menos co paso dos días. As primeiras horas da tarde serán agradábeis, con sol e pouco vento.

Pedro Sánchez apela á colaboración entre Administracións ante os estragos do temporal

Após unha intensa madrugada para os servizos de emerxencia logo do colapso de estradas, vías e aeroportos ocasionados pola borrasca Filomena en gran parte do Estado español, con especial incidencia en Madrid, Castela A Mancha, País Valencià e Aragón, o presidente Pedro Sánchez volveu insistir en que a cooperación e a coordinación entre as Administracións afectadas pola borrasca Filomena é o principal obxectivo para lograr unha resposta eficaz aos seus efectos.

Así o trasladou este domingo Sánchez durante a reunión do Comité Estatal de Coordinación e Dirección (CECOD) do sistema de Protección Civil, órgano que coordina as actuacións dos departamentos implicados no seguimento e resposta á situación meteorolóxica que atravesa España, segundo informou Moncloa.

Sánchez recibiu información detallada sobre a situación provocada pola borrasca Filomena, así como as previsións para os próximos días, na reunión realizada no Ministerio do Interior, onde estivo acompañado polos ministros Fernando Grande-Marlaska e José Luis Ábalos.

Grande- Marlaska e Ábalos estiveron acompañados no CECOD polos seus equipos a través de videoconferencia, entre os que se atopaban responsables de Protección Civil, a Dirección Xeral de Tráfico, Garda Civil de Tráfico, Seguridade Cidadá, Infraestruturas, Estradas,  Adif, AENA, Política da Defensa, UME, AEMET e DSN. 

Aterraxe do avión con vacinas

Fernando Grande-Marlaska sinalou que, aínda que o aeroporto "máis preocupante" tras as intensas nevadas provocadas por Filomena é o de Madrid-Barajas, está previsto que na madrugada da segunda feira poida aterrar un voo coas doses desta semana da vacina de Pfizer contra a Covid-19.

"Tomamos as medidas precisas para a súa distribución nos centros sanitarios correspondentes e garantir o depósito das vacinas", asegurou Grande-Marlaska na rolda de prensa posterior á reunión do CECOD.

Durante a súa intervención, o ministro explicou que os departamentos de Interior e Sanidade manteñen este domingo un contacto "permanente" para asegurar o traslado a España da vacina de Pfizer, o seu adecuado almacenamento e distribución.