Galiza supera as 2.400 vítimas pola Covid-19

Vacinación fronte á Covid-19 en Pontevedra. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)
Malia que agora non hai tantos falecementos como nos peores momentos das tres ondas do virus, o certo é que hai poucos días nos que non se comunique algún pasamento.

A Covid-19 xa se cobrou na Galiza máis de 2.400 vidas desde que comezou a notarse no mes de marzo do ano pasado. Así o comunicaron esta noite as autoridades sanitarias, que falaron de dous novos pasamentos que fan chegar a esta cifra.

Fontes da Consellaría de Sanidade informaron de que as vítimas xa son 2.401 despois de que hoxe transcendera o óbito dun home de 68 anos que estaba ingresado no Hospital Vithas Vigo e que tivo lugar na quinta feira.

Hoxe mesmo finou unha muller de 102 anos que era atendida no Hospital do Salnés.

No día de onte tamén se tiñan comunicado dúas mortes, neste caso dun varón de 85 anos que ficaba no Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP) e unha doente da mesma idade que fora ingresada no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac).

Na cuarta feira, desde a Xunta alertaban de que había que incorporar dúas vítimas máis ao balance: un enfermo de 75 anos que estaba no hospital de Vigo e que xa falecera o 30 de abril (pero non se comunicara publicamente) e uha paciente de 90 anos á que non se lle puido salvar a vida malia permanecer no mesmo centro sanitario. Neste caso, a morte acaeceu na terza feira.

No caso da finada de 88 anos no hospital ourensán na segunda feira e que se comunicou na terza feira, deuse a circunstancia de que fora tratada co fármaco de Moderna contra o virus, mais non dera tempo a inocularlle a segunda dose da vacina porque xa deu positivo.

Todas as vítimas dos últimos días presentaban patoloxías previas que complicaron a súa resposta ante a afección do coronavirus. O primeiro día da semana non se comunicou aos medios ningún pasamento, pero esta situación é extraordinaria porque, aínda que si existe un gran retardo nas peores consecuencias da enfermidade, o certo é que case todos os días hai algunha mala nova deste tipo.