COVID-19: Galiza supera as 2200 persoas contaxiadas e rexistra 47 falecementos

(Arxina)

Case un cento de pacientes con coronavirus están en UCI.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, esta sexta feira, o número de casos de coronavirus en Galiza ascende a 2211, deles 552 son da área da Coruña, 140 da de Lugo, 302 da de Ourense, 260 da de Pontevedra, 509 da área de Vigo, 388 da de Santiago, e 60 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 98 permanecen en UCI, 556 están en unidades de hospitalización e 1557 no domicilio.

Polo de agora, en Galiza rexistráronse 67 altas de pacientes e 47 falecementos. Os últimos falecementos corresponden a un home de 50 anos na Coruña, a Dositeo Rodríguez, de 84 anos e ex conselleiro con Manuel Fraga; un home de 74 anos en Ferrol e un varón de 90 anos, que estaba ingresado no Hospital Montecelo de Pontevedra, e que tiña patoloxías previas.

O número de PCR realizadas é de 10.520.

Na xornada de onte, quinta feira, houbo 10 falecementos por coronavirus, sendo o día con máis vítimas mortais en Galiza por este virus. 

No Estado español o número de persoas mortas é de 4.858 e as contaxadas abeiran as 64.000.