As residencias de maiores da Galiza suman xa 134 persoas infectadas

A residencia de San Lázaro, en Compostela, é unha das que rexistra casos positivos. (Arxina)
Os casos positivos de coronavirus en residencias para a terceira idade galegas medraron nas últimas horas até os 134 diagnósticos, 106 de persoas usuarias e 28 entre o persoal. 

Desde o último boletín oficial da Consellaría de Política Social, emitido ás 15 horas de onte, rexistráronse 14 persoas maiores máis afectadas pola enfermidade e dúas entre o colectivo profesional. 

Os novos casos afectan á residencia Concepción Arenal da Coruña, que rexistra 2 en total; en Fogar Bellolar da Coruña, que suma 4; na DomusVi San Lázaro de Compostela que eleva a 24 os positivos; en Nosa Señora da Esperanza, de San Rosendo, Ourense, con 5 pacientes, e en Divino Mestre, San Rosendo, tamén en Ourense cun caso.

A consellaría informou, ademais, do falecemento de cinco persoas maiores que padecían esta enfermidade vírica, unha delas da residencia San Carlos de Celanova, outra da Fogar Bellolar (A Coruña), unha en DomusVi San Lázaro de Compostela unha en DomusVi Barreiro de Vigo e unha persoa a en Carballo, a única que había ingresada nese centro.

Durante esta xornada a Unidade Militar de Emerxencias (UME) realizou labores de desinfección nas instalacións desta residencia DomusVi de Carballo e tamén na Oleiros.

O resto de residencia presentan os seguintes datos: 34 persoas usuarias contaxiadas na DomusVi de Vigo, 12 no Portádego (Coruña), 12 en San Carlos de Celanova, 4 en Cangas, 3 na nosa Señora de Fátima no Barco de Valdeorras, 1 no Fogar Nosa Señora do Carmen en Fisterra, 1 na residencia Betania (Viveiro), 1 en Castro Caldelas, 1 na de Nosa Señora da Asunción en Caldas e 1 na nosa Señora de Valvanera de Cambados.

En cando aos membros dos equipos profesionais contaxiados, na residencia de Celanova xa son 16 persoas diagnosticadas, dúas máis que a pasada cuarta feira. Igualmente rexístranse casos entre o persoal da DomusVi de Barreiro (6), de Nosa Señora da Esperanza de Ourense (3), da DomusVi San Lázaro (1), do Fogar Bellolar (1) e de San Simón, en Teo, (1).