O foco de Arteixo, con 39 positivos, alcanza xa o da Mariña

Os casos medran na Galiza por décimo día consecutivo.

O Sergas sitúa este domingo o número de casos activos de coronavirus en 321, 13 máis que na pasada xornada, malia as 13 curacións das últimas horas. O foco de Arteixo suma oito novos positivos, até os 39, os mesmos que rexistraba onte o da Mariña, que chegou a sobrepasar os 180 nas primeiras semanas de xullo. 

 

Os casos de coronavirus seguen a subir de maneira ininterrompida desde hai dez días na Galiza, con 26 máis desde onte.

Segundo os datos da Consellaría de Sanidade, a área sanitaria da Coruña e Cee é a que acumula maior número de persoas afectadas, 118, máis dun terzo do total de casos activos. Nela sitúase o foco de Meicende, en Arteixo, cuxa orixe está nun usuario dun ximnasio que tamén traballa como porteiro dun pub de Santa Cruz, en Oleiros, pechado desde a pasada semana.

Entre as persoas que deron positivo vinculadas a este foco, que afecta xa 39 persoas, están un vixiante dun centro cívico da Coruña e un traballador do matadoiro municipal da mesma cidade.

O seguimento dos contactos que se está levando a cabo a área sanitaria da Coruña e Cee en relación a este foco e as súas ramificacións noutras zonas da área sanitaria levou o Sergas a realizar 425 PCR na xornada de onte.
 

A área sanitaria de Lugo, a segunda en número de casos, sitúase nos 70, catro menos que onte, mentres que a de Vigo, con 63, suma sete casos, tras detectarse un novo surto, o sexto, con cinco membros dunha mesma familia afectados.  

A de Pontevedra, con 25, resta un, o mesmo que Compostela (25),  mentres que a área de Ourense, con 18, engade un novo positivo, e a Ferrol mantense con dous casos activos.  

Segundo o último parte facilitado polo Sergas, 13 persoas permanecen ingresadas pola enfermidade na Galiza, unha menos que onte. Delas, unha está na UCI e o resto, en unidades de hospitalización, mentres que 308 permanecen no domicilio baixo seguimento.