Sanidade pública

Galiza, á cola do Estado en atención primaria: só Madrid inviste menos

Un boneco co rostro do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na manifestación do pasado 4 de febreiro en Santiago. (Foto: Arxina)
Galiza destinou 11,79% do orzamento sanitario en 2021 á Primaria, o que representou uns 209,39 euros por habitante de media. Uns rexistros pobres que sitúan o país moi lonxe da media estatal e mellorando só os datos de Madrid.

Galiza é a segunda comunidade autónoma do Estado español, só por detrás da Comunidade de Madrid, con menor porcentaxe de gasto sanitario público destinado á Atención Primaria en 2021, un 11,79%, segundo os datos que revela o VI Informe sobre a Atención Primaria nas CCAA publicado hoxe pola Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública (FADSP). Ademais, este documento apunta que o da Xunta tamén é o segundo goberno pola cola en investimento por habitante en Primaria, con 209,39 euros de media.

A nivel estatal, o informe da FADSP sitúa a porcentaxe do gasto sanitario que se destinou en 2021 á Atención Primaria a nivel estatal no 14,17% do total do gasto sanitario público, pero a súa distribución entre comunidades autónomas presenta grandes diferenzas, con Andalucía sendo a que máis investiu con 17,04% e a Comunidade de Madrid a que menos, 11,02%.

En canto ao gasto sanitario público destinado a Primaria en 2021 destacan tamén as comunidades de Castela-A Mancha con 15,91%, Castela e León, con 15,55% e A Rioxa con 15,40%. No extremo oposto, as que menos diñeiro destinaron a este ámbito son, ademais de Madrid (11,02%), Galiza, con 11,79%, e Asturias, con 13,26%.

Neste informe tamén se recolle a evolución do gasto sanitario público destinado a Atención Primaria (AP) e nela obsérvase unha gran variabilidade entre as CCAA, aínda que non hai unha tendencia clara no conxunto do Estado, onde se produce unha diminución do gasto no período 2010-2018, aumentos nos períodos 2016-2018 e 2018-19, diminución en 2019-2020 e aumentos en 2020-2021.

Concretamente, no período 2020-2021 obsérvase un aumento na maioría das CCAA por mor da pandemia da Covid-19, chegando a subir un 17,59% en Balears ou só un 0,07 % en Cantabria. No caso de Madrid, despois de diminuír o gasto en Primaria nun 7% desde 2016, no período de 2020 a 2021 aumentou 3,75%. As que diminuíron o gasto van desde un -0,36% en Euskadi até un -7,13% en Murcia, aínda que esta comunidade aumentara un 10% o gasto desde 2016.

No tocante ao gasto sanitario en Atención Primaria expresado en euros por habitante, o documento mostra que en 2021 Nafarroa é a que ten unha cifra maior (302,02 euros por habitante), seguida de Castela e León con 292,18 euros e Castela-A Mancha con 285,26 euros. Pola contra, a comunidade que menos destinou é Madrid, con tan só 162,27 euros por habitante, seguida da Galiza, con 209,39 euros. A nivel estatal destináronse, de media, 243,16 euros por habitante.

"A Comunidade de Madrid é a que menos euros destinou nese ano á atención primaria e que explica algúns dos problemas especiais que ten a respecto doutras comunidades autónomas. Ten uns indicadores que son significativamente malos a pesar das manipulacións informativas que fai o Goberno rexional", declarou o portavoz de FADSP, Marciano Sánchez-Bayle.