Galiza sae á rúa o 8-M con voz propia na revolución feminista

Milleiros de persoas percorreron este 8 de marzo as rúas da capital galega (Foto: Arxina).
O 8-M volveu tinguir a Galiza de morado. Máis dunha trintena de localidades acolleron numerosas mobilizacións en horario de mañá e tarde convocadas tanto polo movemento feminista como polas forzas sindicais.

O Día das Mulleres Traballadoras amenceu na Galiza coa convocatoria serodia de marchas reivindicativas con motivo do 8-M. Vilas e aldeas acordaron a última hora sumarse á mobilización feminista que inzou o territorio de lila, pancartas e miradas cómplices na defensa dunha transformación real da vida das mulleres.

Para Galegas 8-M, a plataforma que aglutina o movemento feminista arredor desta data reivindicativa, todas as manifestacións públicas que se deron esta terza feira en moitas comarcas son reflexo da forza e da capacidade de autoorganización que ten o feminismo galego "non só nas cidades senón tamén en vilas e municipios pequenos, cunhas dinámicas e cun discurso propios".

Precariedade e coidados

Estefanía Busto vive en Oza-Cesuras. Participa do Colectivo Feminista das Mariñas e esta terza feira á noitiña achegouse á mobilización convocada onda o palco da música de Betanzos. "Sobran as razóns", afirma en declaracións a este xornal. "A pandemia serviu como pretexto para incrementar as desigualdades que sofren as mulleres, sobre todo no laboral. Fomos as mulleres as que renunciamos ao traballo asalariado para dedicarnos aos coidados". Como docente advertiu como ao longo dos últimos dous anos foron "as mamás" as que quedaron na casa coas crianzas e asumiron o peso das actividades esenciais, "feminizadas en precario".

Como muller traballadora e autónoma, Iolanda Naya manifestouse esta terza ao mediodía na Coruña convocada pola CIG. "Teño unha tenda no centro da cidade e fechei, como todos os anos. Este non hai folga pero considero que é un xesto máis, necesario, que me permite saír e reclamar o nosos dereitos, os meus e os doutras moitas mulleres aínda máis oprimidas".

Baixo o seu punto de vista, as mulleres volveron pagar o peor da crise, da económica e da sanitaria. "Foron as primeiras en tornar á casa durante a pandemia". As primeiras en pagar as consecuencias. "Non só se frearon avances moi necesarios senón que se deron pasos atrás", sobre todo no ámbito laboral e profesional "con moitas mulleres obrigadas a reducir xornada" ou prescindir dun traballo remunerado, co que iso supón en termos de salarios, pensións e sustento.

As mulleres, di, foron as que antes e de forma máis grave están a pagar as consecuencias laborais físicas e mentais da pandemia. "Somos as grandes esquecidas".

O testemuño das mulleres que esta terza feira se encontraron nas rúas, prazas e torreiros da Galiza contradí o discurso "reaccionario da ultradereita", advirte Elena Fernández desde Chantada. É parte do colectivo Polamiúda e este 8-M acudiu á praza de Santa Ana para rebater "esa idea cada vez máis compartida de que todo está feito, que xa estamos en igualdade de condicións. Nada máis lonxe da realidade". Os coidados, a temporalidade, o paro e as crises seguen a recaer nas mulleres, di. "Ocupamos tanto tempo en ter medo que a conquista dos nosos dereitos quedou estancada, así que saímos á rúa polo mesmo que en 2018". Porque a xustiza segue a ser "patriarcal", e porque hai "un discurso neomachista" cada vez máis perceptíbel na rapazada.

Revolución feminsita

Para Laura Sanjuan, que esta terza se manifestou en Vigo, a revolución feminista "é unha das loitas que máis está a transformar a sociedade". Neste sentido, acolle todas as súas reivindicacións, mais defende, neste momento, a súa capacidade para visibilizar os logros pendentes. "Aínda hai xente que considera que o feminismo non é necesario, que se burla de nós e dos nosos dereitos". Pon o foco na ultradereita e nun activismo que máis aló dos avances  individuais defende un éxito colectivo. "Non seremos mulleres libres mentres siga habendo mulleres sometidas", rememora.

A revolución feminista á que aludía Sanjuan desde Vigo, dálle continuidade Dores Fernández desde A Mariña. "Síntome feminista desde que teño lembranza. Para min esta data significa pór a cabeza nos problemas que nos afectan ás mulleres e nas necesidades para alcanzar unha igualdade real", no laboral e no político. E así o fixo, á mañá en Viveiro, convocada pola CIG e á tarde en Barreiros, chamada por Galegas 8-M.

Alba Balboa xuntouse en Verín canda outras moitas mulleres rurais da comarca. "Nesta contorna temos unhas fendas de xénero moito máis profundas que no medio urbano". O acceso aos servizos e menor e a carga de coidados moito maior, explica, razón suficiente para se mobilizar e intensificar o traballo feminista no rural, entre a poboación envellecida e a xente moza. Moita, lida a diario coa crianza e a maternidade, que na mobilización de Compostela gozou dun espazo propio. Alicia Corral participou del, para exixir a fin de todas as violencias que rodean as nais e a cativada e reclamar unha "educación feminista".

"Está moi ben visibilizar as nosas demandas, pero hai que atendelas"

A plataforma Galegas 8-M foi a responsábel da convocatoria unitaria que reuniu o feminismo galego en máis dunha trintena de municipios, un movemento "diverso e inclusivo", explica Ester Mariño a Nós Diario, cun funcionamento propio. "Aquí hai unha realidade diferente que deu pé a un movemento propio. Nunca nos organizamos nin programamos o 8-M mirando o que se estaba a facer en Madrid ou en calquera outro sitio, por iso non entendemos o silencio que rodeou este ano as mobilizacións e as dinámicas propias do feminismo galego".

Mariño non deixa pasar esta crítica ao tempo que "presume" do ímpeto co que o movemento feminista da Galiza saíu esta terza feira á rúa para berrar: 'Nin escravas, nin heroínas, mulleres con dereitos xa'. Desde 2018, di, o éxito das mobilizacións feministas non obtivo, na práctica, "mecanismos áxiles capaces de reverter a situación de desigualdade. Está moi ben popularizar as nosas demandas pero tamén hai que atendelas".

Urxen medidas concretas e recursos. O traballo, os coidados e a precariedade que impregna estas dúas esferas centraron as reivindicacións do colectivo, que sumou as súas demandas ás dos sindicatos en sectores concretos como o das residencias, os servizos de axuda no fogar ou a conserva.