Galiza rexistrou 383 incendios en abril

Imaxe: Irene Pin

O pasado mes rexistráronse no noso país 33 lumes forestais de máis de 20 hectáreas e 350 que non acadaron esa extensión.

En abril rexistráronse en Galiza máis de 380 incendios forestais, 33 dos cales tiveron unha extensión de máis de 20 hectáreas. Só nestes, a superficie arrasada superou as 2.500 hectáreas. A estes hai que engadir aqueles lumes con menos de 20 hectáreas queimadas, incendios dos que non dá conta Medio rural, mais que sumados supoñen unha superficie afectada importante.

O lume máis importante no pasado mes foi o de Narón, que arrasou máis de 400 hectáreas e mesmo obrigou desaloxar varias casas dunha aldea no municipio de Ferrol pola proximidade das lapas.

Desde mediados do mes de abril a Xunta mantén activo o alto risco por incendios. Porén, e como teñen denunciado desde a Asociación de traballadores de incendios forestais de Galiza, Atrifoga, a Xunta non acaba de asumir a desestacionalización dos lumes e, afirma, desaproveita centos de profesionais. Hai 436 efectivos que con contratados entre xullo e setembro, no que tradicionalmente era a tempada de alto risco de incendios. Tres meses aos ano. Mais, apontan, os incendios asolan os montes galegos tamén fóra deses tres meses e a administración galega non recorre a eles.