A Xunta desaproveita máis de 400 efectivos na loita contra incendios en plena tempada de alto risco

Atrifoga afirma que isto “mingua a operatividade” e ten consecuencias concretas: motobombas paradas, centros de coordinación de distritos que non están operativos as 24 horas ou torres e casetas de vixiancia fechadas en gran parte das quendas.

Os anos nos que os incendios forestais que afectaban Galiza se concentraban entre os meses de xullo e setembro semella que son pasado. A propia Xunta decretou o pasado 13 de abril a alerta por alto risco de incendios e a desestacionalización dos lumes é algo sobre o que os profesionais levan advertindo nestes anos. Porén, e como teñen denunciado desde a Asociación de traballadores de incendios forestais de Galiza, Atrifoga, lamentan que a Xunta non asuma estes cambios e que manteña en situacións como a vivida nestas semanas un operativo que desaproveita centos de profesionais.

Hai 436 efectivos que con contratados entre xullo e setembro, no que tradicionalmente era a tempada de alto risco de incendios. Tres meses aos ano. Mais, apontan, os incendios asolan os montes galegos tamén fóra deses tres meses. Mais a administración galega non recorre a eles. E iso, afirman, “merma a operatividade do servizo” e propicia que se produzan “situacións inexplicábeis”. Situacións das que poñen exemplos: centros de coordinación dos distritos que non están operativos das 24 horas, casetas ou torres de vixilancia contra incendios forestais que se fechan “gran parte das quendas”, ou motobombas de servizo que “permanecen paradas, na base, ao non dispoñer de suficientes condutores”.

Atrifoga lembra que nos catro primeiros meses de este ano xa arderon máis de 3.500 hectáreas en Galiza. Indicador de que se precisa un servizo dimensionado á nova realidade da desestacionalización dos lumes forestais. A asociación lembra, aliás, a precariedade da súa situación laboral: contratados por só tres meses, cuns contratos “en fraude de lei segundo Inspección de Traballo” e sentencias xudiciais, e sometidos a desprotección social.

.