Galiza rexistra xa 210 mortes por calor na tempada estival 2025
As elevadas temperaturas que se están vivindo este verán na Galiza deixaron un balance de 210 mortes atribuíbeis a altas temperaturas, segundo os datos do Instituto de Saúde Carlos III, a través do sistema de Monitorización da Mortalidade diaria (MoMo), consultados por Europa Press.
Neste sentido, o Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII) estima que, en toda Galiza, houbo 210 falecementos causados indirectamente pola calor desde o 15 de maio, día no que o organismo dá por iniciada a época estival.
O avellentamento da poboación, especialmente acusada na Galiza con respecto a outras, e a falta de costume a temperaturas por riba dos 30 graos poderían ser algunhas das causas que poderían estar detrás desta cifra que ofrece o organismo público estatal.
Advertía hai unhas semanas a Europa Press a directora do Centro Galego de Control e Prevención de Enfermidades (Cegace), Marta Piñeiro, que estas cifras do Carlos III é unha estimación realizada "en base aos datos históricos de mortes esperadas e observadas" para un período. É dicir, emprégase un modelo estatístico para tentar determinar as causas cando hai un exceso de falecementos.
Con todo, tamén insistía en que hai que tomar con "cautela" esta cifra porque "non é un valor real" e aseguraba que o dato galego pode ser tan alto porque a calor "non impacta da mesma maneira en todas as zonas xeográficas".
Neste contexto, cabe lembrar o Concello de Ourense rexistrou a temperatura máxima na Galiza esta segunda feira, até o momento, con 42.5ºC ás 17.00 horas. Segundo a información de Meteogaliza, seguíronlle os concellos de Leiro (O Ribeiro) con 41.7ºC, Arnoia (O Ribeiro) con 41.5ºC, Pantón (Terra de Lemos) con 40.9ºC.
Con todo, a Xunta situou esta segunda feira a alerta por calor en nivel vermello nos concellos das zonas isoclimáticas do Miño de Pontevedra e de Valdeorras, en Ourense. Ademais, os concellos das Rías Baixas, que se corresponden coas zonas isoclimáticas do suroeste parte Coruña e do litoral de Pontevedra, están en nivel laranxa. Pola súa banda, en nivel 1 ou amarelo quedan a zona do Miño de Ourense, sur de Ourense e montaña de Ourense.
