Galiza rexistra varios incendios activos, o maior en Folgoso do Courel

Así se vía o incendio de Cerdedo, desde Viascón (Pontevedra) a pasada noite (Imaxe: Nós Diario)

Varios incendios afectan a distintas partes do territorio galego nas últimas horas, algúns deles aínda activos, segundo informa a Consellaría do Medio Rural.

O incendio de maior dimensión é o rexistrado en Folgoso do Courel, onde, segundo datos actualizados ás 9 horas da quinta feira, activaron a situación 2 como medida preventiva no incendio rexistrado neste concello, na parroquia de Meiraos. Fíxose debido á proximidade ao lugar de Portela, na parroquia de Gundriz, no concello limítrofe de Samos.

O lume iniciouse ás 23.43 horas da cuarta feira e aínda permanece activo. Segundo as últimas estimacións, a superficie afectada supera as 200 hectáreas segundo os datos actualizados ás 12 horas da quinta feira. No lugar traballan, entre outros efectivos, dous axentes, oito brigadas, ademais de desprazarse ao lugar catro motobomas, segundo informa a Consellaría de Medio Rural.

En Cerdedo-Cotobade, está activo un lume na parroquia de San Xurxo de Sacos, que comezou pasadas as 23.56 horas da cuarta feira. Segundo as últimas estimacións, a superficie afectada supera as 40 hectáreas. No seu control, participan catro axentes, cinco brigadas e tres motobombas.

No concello de Rodeiro, parroquia de Pedroso, tamén está activo un incendio que comezou pasadas as 23.40 horas. De acordo coas últimas medicións, a superficie afectada supera as 40 hectáreas. No lugar están un técnico, dous axentes, tres brigadas e tres motobombas.

Controlados ou extinguidos

Por outra banda, Medio Rural informa que as 5.50 horas da quinta feira quedou controlado o incendio rexistrado no concello de Monforte de Lemos, na parroquia de Marcelle, após comezar a cuarta feira ás 1353 horas.

Após unha nova medición, a superficie afectada é de 38 hectáreas, precisa a Consellaría. Delas 30 son arborada e oito de monte raso. Na súa extinción, o persoal implicado é dun técnico, seis axentes, 15 brigadas, sete motobombas, sete helicópteros e catro avións, entre outros medios e efectivos.

Á súa vez, en Calvos de Randín o incendio rexistrado con catro focos quedou extinguido ás 23.58 horas da cuarta feira após comezar ás 21,20 horas. De acordo coas últimas estimacións, a superficie afectada foi de 0,8 hectáreas dentro do Parque Natural de Baixa Limia-Serra do Xurés, dos cales 0,1 foron arborada e o resto monte raso. Na súa extinción, participaron dous axentes, tres brigadas e tres motobombas.

Protesta dos bombeiros

Precisamente, o pasado día 27 de marzo, a Asociación Profesional de Bombeiros e Bombeiras Forestais da Galiza (Apropiga) denunciaba o "abandono" ao que está sometido o Servizo de Prevención Contra Incendios Forestais (SPIF) por parte da Xunta. 

O colectivo opina que a Consellaría de Medio Rural actúa “con pasividade” a pesar de que nas últimas semanas xa se deron algúns incendios por todo o país, polo que consideran importante “que a cidadanía saiba que os lumes forestais, por desgraza, non son episodios exclusivos do verán”.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085 "ao que deben chamar en caso de detectar algún incendio forestal". Ademais, subliña que existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delicitiva incendiario do que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.