Galiza rexistra a primeira nevada do inverno no Cebreiro, Manzaneda e A Fonsagrada

Primeira nevada do inverno esta sexta feira en Pedrafita do Cebreiro (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
A pesar das nevadas prevalece a normalidade nas estradas das zonas onde se producen nevadas, xa que non hai vías cortadas nin é obrigatorio o uso de cadeas en ningunha delas.

Galiza rexistrou na madrugada desta sexta feira as primeiras nevadas do inverno, que caeron nas zonas de montaña do interior do país A neve, que mantén en aviso amarelo o leste galego, continuou caendo na mañá desta sexta feira e empeza a callar en zonas como O Cebreiro (Os Ancares), Manzaneda (Trives) ou A Fonsagrada.

As primeiras folerpas do ano e tamén da temporada invernal fixeron actuar xa os efectivos dispostos nos plans de vialidade invernal para velar polo estado das estradas nas zonas onde se están dando nevadas.

En Pedrafita do Cebreiro, as súas Maxestades os Reis Magos chegaron á localidade para visitar as crianzas antes da súa gran noite acompañados pola neve. A neve tamén chegou á estación de Manzaneda, onde se espera que siga caendo para poder abrir as pistas en próximas datas.

Situación nas estradas

Con todo, prevalece a normalidade nas estradas das zonas onde se producen nevadas, xa que non hai vías cortadas nin é obrigatorio o uso de cadeas en ningunha delas. Así o trasladou a Dirección Xeral de Tráfico (DXT), que incide na importancia de extremar as precaucións se se vai a circular por puntos nevados.

Alerta

Manzaneda e O Cebreiro estarán en alerta amarela por neve, ao entrar en circulación desde o noroeste unha fronte de ar frío e inestabilidade. Segundo informou Meteogaliza, esta fronte deixará chuvascos de neve a partir dos 800 metros. Entre as 00 horas da sexta feira e a mesma hora do sábado, espérase unha acumulación de 10 a 20 centímetros.

As temperaturas mínimas oscilarán entre os catro graos de Lugo e Santiago e os oito da Coruña, mentres que as máximas non superarán os 13. En Lugo prevese que a máxima sexa de oito graos.

Por outra parte, a costa noroeste do país tamén estará en aviso amarelo por fenómenos costeiros, con mar de fondo que deixará ondas de catro a cincp metros. Esta alerta permanecerá activa entre as 15 horas e as 21 horas da sexta feira.