Iniciativas singulares

Manzaneda: reordenar 11.300 predios para favorecer o desenvolvemento e o arraigo no rural

O Concello impulsa un proxecto para reordenar 837 hectáreas, que permitirá atender as necesidades de explotacións gandeiras que son unha das bases económicas desta zona da montaña de Trives.

trabazos manzaneda

O Concello de Manzaneda impulsa un proxecto de reordenación e reorganización de 11.300 predios en Placín, San Miguel de Bidueira, Requeixo e parte de Trabazos; unha iniciativa que abrangue 837 hectáreas (máis de 23 quilómetros cadrados) e que sirva como base para as explotacións gandeiras existentes e forneza de superficie a outras novas que poidan xurdir.

“Intentouse facer nos anos 90 algo polo estilo mais non foi adiante. En 2017 desde o Concello puxémonos mans á obra”, sinala en conversa con Sermos Galiza o alcalde, Félix Domínguez, de Son Manzaneda-En Marea. Moitos deses predios están abandonados.

“Logramos o apoio da maioría da veciñanza” para impulsar esta iniciativa, indica Domínguez. “A idea non é facela dunha forma agresiva: queremos unificar eses predios sen que iso teña ese impacto das pistas da parcelaria de antes, respectando os camiños que hai”, salienta, lembrando que 96% do municipio está na RedeNatura. Tamén se respetarían as zonas de castiñeiros ou hortas próximas aos núcleos de poboación, engade.

“É importante pular por proxectos que permitan que aquí, no rural, haxa traballo e que se poida fixar poboación”, indica, ao tempo que destaca o importante papel que o cooperativismo xoga para lograr eses obxectivos.

A ordenación da superficie agraria atinxida por este plan procura “unha ordenación da superficie agraria que permita un uso adaptado ás necesidades agrícolas desta zona e mellorar as estruturas agrarias, orientadas a favorecer o desenvolvemento”.  

Comentarios