Galiza rexistra o peor saldo vexetativo de todo o Estado: 15.854 mortes máis que nacementos

O último saldo vexetativo positivo no noso país foi en 1987.

Galiza volveu máis un ano revalidar o seu liderado como o territorio do Estado español con peor saldo vexetativo. Segundo o Movemento natural de poboación elaborado polo INE e que publicou esta cuarta feira, no noso país en 2018 houbo 15.854 defuncións máis ca nacementos. Desde 1987 en Galiza non se fecha un ano no que nazan máis persoas das que morren, van aló máis de 3 décadas.

En 2017 houbo no noso país 16.550 nacementos, que son case 2.000 menos que no ano anterior (18.445). E houbo 32.404 falecementos, perto de 500 máis que en 2017, cando houbo 31.937. A tendencia é, pois, preocupante.

En 2017 só 15 dos 313 galegos presentan máis nacementos que defuncións. Unha dinámica que encabeza Ames (saldo vexetativo positivo en 193 persoas), seguido de Arteixo (97), Salceda (35) e Cambre (28).  

Taxa de natalidade das máis baixas do mundo

En 2016 a taxa de natalidade foi en Galiza de 7,02. É dicer, sete nacementos por cada mil habitantes. Unha ratio das máis baixas que hai en todo o planeta. De feito, e segundo dados internacionais, só Mónaco ten peores rexistros: 6,6 nacementos por cada mil habitantes. Nos outros por volta de 200 estados que hai no mundo, a taxa de natalidade é mellor do que a galega. Países con problemas neste sentido, como Xapón, Alemaña ou Letonia, teñen moitos mellores rexistros que Galiza.

As proxeccións de poboación realizadas polo Instituto galego de estatística (IGE) sinalan que para 2031 a pirámide poboacional galega terá  26% menos de menores de 10 anos e un 16% de persoas entre os 80 e 94 anos.