Ourense "ao bordo" e "lonxe" do confinamento

Vista da cidade de Ourense.
O alcalde de Ourense chama a "extremar as precaucións" coa cidade "ao bordo" do illamento ao mesmo tempo que o conselleiro de Sanidade pide "prudencia" ante a evolución da pandemia no municipio, que malia a ser negativa, aínda se atopa "lonxe" da incidencia fixada polo Goberno estatal para decretar un confinamento.

O alcalde de Ourense, Gonzálo Pérez Jácome, advertiu de que a cidade está "ao bordo" do confinamento con case 500 casos activos no municipio, que a día de hoxe, é o lugar da Galiza e do Estado coas medidas máis restritivas co fin de evitar o avance do coronavirus.

Sanidade prohibiu as reunións en Ourense, tanto no ámbito privado como no público, para todas as persoas que non convivan no mesmo domicilio, e malia que os locais hostaleiros poden abrir, só poden estar xuntas persoas que vivan baixo o mesmo teito.

Precaución e vixilancia

"Hai que ser máis papistas que o papa, extremar as precaucións, cumprir as medidas que marca Sanidade e, se podemos, ir máis aló e reforzar a vixilancia aínda máis", sinalou o rexedor nun comunicado emitido este domingo.

Pérez Jácome informou que, segundo os datos facilitados pola Consellaría de Sanidade ao Concello, en Ourense hai 459 casos de coronavirus activos, unha situación "terribelmente preocupante" que sitúa a cidade ás portas dun novo illamento.

Lonxe dun illamento perimetral

Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asegurou nunha entrevista na Radio Galega que "a día de hoxe" ningunha das tres cidades galegas con máis de 100.000 habitantes cumpre os parámetros que marca o Ministerio de Sanidade para decretar un confinamento perimetral. E aínda que recoñeceu que a que "podería estar máis perto é Ourense", agora mesmo atópase "lonxe" da incidencia acumulada estabelecida polo Goberno estatal para decretar un illamento da cidade, de 500 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos 15 días.

Así, García Comesaña apelou á "prudencia" e a non ser "especialmente optimistas" a pesar de que a situación epidemiolóxica de Galicia é "boa" en comparación ao conxunto das autonomías.

Presión hospitalaria

En canto á presión hospitalaria na segunda onda de contaxios, o responsábel da Consellaría de Sanidade afirmou que é "moito menor" que nos meses máis duros da pandemia. Asegurou que, tanto en planta como en Unidades de Coidados Intensivos, as camas ocupadas andan arredor dun 80%, por baixo das cifras rexistradas nos peores momentos.

"Sen falsos optimismos", o conselleiro explicou que isto se debe á capacidade de facer "máis probas" e de ter "máis poboación no radar". No entanto, sinalou que "a enfermidade é igual de grave ca antes" e que nas residencias a letalidade é "exactamente a mesma": "Non pensemos que porque hai menos xente en UCI e hospitalizada isto é máis lixeiro", recalcou.