Coronavirus

Galiza rexistra outros 238 casos confirmados nas últimas 24 horas, 95 deles en Ourense e 34 en Santiago

'Covid-auto' en Compostela (Foto: Europa Press)

 Aumentan a 252 os pacientes con Covid hospitalizados, 40 deles en UCI

Galiza rexistra outros 238 casos de Covid-19 confirmados por PCR nas últimas 24 horas, deles 95 na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco e 34 na de Santiago e Barbanza.

Os casos activos na Galiza soben a 4.514, o que supón 40 máis que os contabilizados esta segunda feira, sempre segundo os datos da Consellaría.

Así se reflicte na web de Sanidade actualizados na mañá desta terza feira con datos recollidos até as 18,00 horas da segunda, dos que se constata que até a data curáronse 22.123 pacientes, o que supón 199 máis que os contabilizados o día anterior.

Os casos confirmados por PCR nas últimas 24 horas sitúanse en 95 na de Ourense; 40 na de Vigo; 34 na de Santiago e Barbanza; 26 na de Lugo; 23 na de Pontevedra e O Salnés; 14 na da Coruña e Cee; e seis en Ferrol

Segundo os datos publicados polo Sergas, os casos activos de Covid soben na Galiza con respecto á segunda feira nas áreas sanitarias de Ourense até os 1.567 (+55); Vigo, que ten 496 (+29 máis); Lugo, que conta con 477 (17 máis); e Santiago, que se sitúa en 621 (+3).

Mentres, os casos activos descenden nas áreas da Coruña até os 745 (-21); Pontevedra e O Salnés, que conta con 469 (-42) e na de Ferrol que baixa nun até os 136.

As persoas con Covid-19 falecidas na Galiza sitúanse en 786. A última vítima até a data notificouse esta segunda feira, en relación ao falecemento na residencia de maiores Os Gozos de Pereiro de Aguiar dun home de 84 anos con patoloxías previas. Até a data realizouse en Galicia 556.927 PCR con respecto ás 553.544 contabilizadas até esta segunda feira.

Hospitalizados

Os pacientes con Covid ingresados na Galiza aumentaron a 252, o que supón 15 máis que os de onte, deles 40 en Unidade de Coidados Intensivos (UCI) -un máis que hai 24 horas- e 212 noutras unidades de hospitalización.