Santiago e Arteixo entran na lista de 10 concellos en alerta máxima pola pandemia

Imaxe de arquivo de Compostela durante o confinamento de marzo (Arxina)

Narón mellora os seus datos e pasa ao nivel laranxa, mentres a incidencia da pandemia empeora na cidade de Vigo.

Santiago de Compostela e Arteixo atópanse xa entre o dez municipios de toda Galiza no nivel máximo de alerta, o 3, pola situación da pandemia do coronavirus no últimos sete días. Á súa vez, Narón saíu da lista e pasou ao nivel laranxa, o 2, tras caer a incidencia da COVID-19 no seu territorio.

Segundo consta no mapa que fai público a Consellería de Sanidade na páxina web de información do coronavirus, están en alerta vermella por detectar máis de 21 casos activos na última semana Ames, O Carballiño, O Barco de Valdeorras, Barbadás, O Pereiro de Aguiar, Monterrei e Verín.

Ademais destes, tamén Ourense e Santiago están no nivel 3, as únicas dúas cidades en alerta máxima. Con todo, ao ser concellos de máis de 50.000 habitantes, os valores para determinar a súa alerta vermella non son de máis de 21 casos, senón maiores.

Por isto mesmo, o mapa de Sanidade recolle que en Ourense se detectaron máis de 120 positivos en sete días e en Santiago, que antes estaba en nivel laranxa, máis de 112 casos.

Cabe destacar que, dos 10 concellos en alerta vermella, sete deles están na área sanitaria ourensá. Precisamente, a capital provincial e Barbadás están confinadas perimetralmente desde a sexta feira.

Situación 2

En situación 2, é dicir, en cor laranxa do 'semáforo' do mapa, hai 15 concellos -o domingo eran 12-: A Coruña, Culleredo, A Laracha, Narón, Oleiros, Porto do Son, Santiago, Lugo, Xinzo de Limia, Ribadavia, Celanova, Tomiño, Pontevedra, Marín, Vilagarcía e Vigo.

Todos eles, fóra das cidades (Vigo, Pontevedra, Lugo e A Coruña), contabilizaron entre 14 e 21 casos novos de coronavirus no últimos sete días.

No caso da urbe olívica, entrar no nivel laranxa significa que se rexistraron entre 166 e 332 casos; na Coruña, entre 138 e 276; en Lugo, entre 56 e 112; e en Pontevedra, de 48 a 96 PCR positivas nunha semana.

Na listaxe do nivel 2 entraron esta segunda feira Oleiros, A Laracha, Porto do Son, Vigo e Celanova por empeorar a incidencia. Á marxe da cor vermella e laranxa, están en amarelo (nivel 1) un total de 35 municipios -fronte aos 32 do domingo-.

Do nivel amarelo saíron Sada, Boiro e A Rúa, por mellorar os seus datos e xa non ter risco, xa que no mapa aparecen en cor verde. Con todo, empeoraron os positivos en sete días Oleiros, Porto do Son, Vigo e Celanova, que pasaron do verde ao amarelo.