2.642 positivos máis nas últimas 24 horas

Galiza rexistra 65.335 casos activos de coronavirus

Un punto de probas da Covid-19 en Monforte. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

A variante Ómicron do coronavirus non dá tregua a Galiza. Segundo os ofrecidos pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade o número de casos activos chega a 65.335 no conxunto do país.

O número de positivos por coronavirus aumenta día tras día. A cifra de casos activos rexistrados nas últimas 24 horas supera aos da anterior xornada en 2.642 persoas, mais o seu impacto nos servizos hospitalarios segue moi lonxe das anteriores vagas.

A presión hospitalaria deu un salto no último día. Así, as autoridades sanitarias confirman 55 doentes ingresados nas Unidades de Coidados Intensivos (UCI) da rede hospitalaria galega, catro máis que onte, e 394 internados nas diferentes unidades de hospitalización das sete áreas sanitarias, representando 36 positivos máis que a xornada anterior.

A maior presión asistencial estana padecendo os centros de Atención Primaria. Neste sentido, a Xunta da Galiza ven de restrinxir o acceso a estes servizos sanitarios en diferentes localidades e barrios da área de Vigo.

Vigo lidera os casos activos

A área sanitaria de Vigo sitúase á cabeza dos casos activos con 14.851 doentes, colocándose a continuación a área sanitaria de da Coruña-Cee con 12.286 e seguíndoa de preto a área sanitaria de Santiago-A Barbanza con 11.653.

Os postos de cola están ocupados pola área sanitaria de Ferrol con 4.147 casos activos, á area sanitaria de Lugo, A Mariña, Monforte con 6.620, a área sanitaria de Pontevedra-O Salnés con 7.689 e a área sanitaria de Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras con 8.089

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da  Xunta da Galiza aconsellan á poboación adoptar as medidas de protección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.

A Xunta chama a extremar precaucións

As autoridades sanitarias chaman a extremar a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano, preferentemente desbotábel. Neste sentido recomendan evitar  tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans

A Consellaría de Sanidade considera importante “procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións” e chama a manter “a distancia de seguridade e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello”.