Galiza rexistra 313 novos contaxios nas últimas 24 horas

Controis na entrada da cidade de Ourense (Europa Press)

Baixan os contaxios na área sanitaria de Ourense e a porcentaxe de PCR con resultado positivo cae a 5,5%. A cifra de falecidos con coronavirus mantense en 780.

Galiza detectou 313 contaxios novos por coronavirus nas últimas 24 horas, polo que baixa ao redor dun cento con respecto aos últimos dous días. Isto é posíbel  pola baixada na área sanitaria de Ourense que caen a máis da metade dos últimos días, até os 86, á vez que descenden nas de Compostela, Pontevedra e Lugo.

Segundo a última actualización da Consellaría de Sanidade, con datos do sábado, na última xornada producíronse 288 altas, polo que o total desde o inicio da pandemia increméntase até os 21.713. Ademais, a cifra de persoas falecidas mantense en 780, a mesma que hai un día.

En canto ao número de casos activos da Covid-19, é dicir, as persoas que aínda padecen a enfermidade na Galiza, medraron en 25 con respecto ao sábado, até os 4.383 deste domingo.

Alén diso, Sanidade informa de que até o momento se realizaron 549.104 probas, o que supón que se fixeron 5.966 PCR en 24 horas, unha trintena máis que o día anterior. De todas elas, 5,5% deron un resultado positivo, unha importante caída con respecto a xornadas previas.

Desde o inicio da pandemia, Galiza sumou un total de 26.876 casos de coronavirus.

Incidencia por áreas sanitarias

As áreas sanitarias de Ourense, Verín e O Barco continúan a ser as que máis novos positivos diarios por Covid-19 detecta, aínda que a incidencia anotou un importante descenso, até os 86, que supoñen 9% das PCR realizadas.

No comunicado anterior de datos, os contaxios en 24 horas se dispararan a 191, cifras de marca, e a positividade das probas superaba 22%.

Con todo, o número de persoas coa enfermidade subiu este domingo, aínda que lixeiramente, até as 1.482 (+8).

A segunda área con máis contaxios detectados, con 62 nas últimas 24 horas -o dobre que as 31 do día anterior-, é a de Vigo, que tamén sobe no total de casos activos, a 464. Tamén ascenden os positivos diarios na área da Coruña e Cee, a 51 (+15), mais a cifra de pacientes mantense estábel en 748.

A terceira área que anota un ascenso nos datos deste domingo é a de Ferrol, con 18 PCR positivas nun día, fronte ás 16 do parte anterior. En canto aos casos activos, soben lixeiramente a 122, o que a coloca como a zona con menos persoas coa enfermidade.