A Coruña mobilízase tras o último asasinato contra a violencia machista, que ocasiona 21 denuncias ao día no país
O asasinato dunha muller de 49 anos na Coruña o pasado domingo presuntamente a mans do seu marido –de 61 anos–, confirmado esta segunda feira polo Ministerio de Igualdade como crime de violencia machista, súmase ao doutra muller no concello do Bolo (Valdeorras) o 6 de abril. Tamén está pendente de ratificarse como tal o crime de Campo Lameiro (comarca de Caldas) do pasado 31 de maio, cando apareceron calcinados nun vehículo os corpos do presunto agresor e da vítima.
Ademais, o pasado mes outras dúas mulleres resultaron gravemente feridas en Verín (comarca homónima) e no Barco (Valdeorras) supostamente polas súas parellas ou ex parellas. E este mesmo domingo foi detido un home en Vigo por outro delito de violencia machista na parroquia de Castrelos, logo de asestar varias coiteladas á súa ex parella.
María Rivas, subdelegada do Goberno: "Activouse o protocolo porque a vítima non se vía en condicións de denunciar; o sistema reaccionou"
A piques de se coñeceren os datos das denuncias do primeiro trimestre de 2025, as últimas cifras difundidas polo Consello Xeral do Poder Xudicial falan dun total de 7.602 ao longo de todo o 2024. Son case 21 denuncias ao día, o que se traduce nun aumento de 1,6% a respecto de 2023 e unha taxa de violencia de xénero de 51,6 mulleres vítimas por cada 10.000 mulleres, por baixo da media estatal (74,2). A delegada do Goberno español na Coruña, María Rivas, trasladou segunda feira a súa “máis enérxica repulsa, como subdelegada e como muller", ante este crime.
Paz Filgueira, maxistrada: "Quizais as mulleres non coñecen o que o sistema pode ofrecer, ou isto é insuficiente para atendelas"
A maxistrada Paz Filgueira, titular do Xulgado de instrución número 3 de Compostela, apunta a "fallos sistémicos" á hora de protexer as vítimas. "A maioría dos casos que recibo no xulgado son mulleres que non tiveron ningún contacto co servizo asistencial anterior”, afirma, en conversa con Nós Diario. E destaca que “no rural a estatística é demoledora", pois "96,5% das mulleres que acudiron ao xulgado non acudiran a ningún sistema asistencial previo”. "Temos unha lei e un pacto de Estado, pero quizais as mulleres non coñecen realmente o que o sistema pode ofrecer, ou o que ofrece é insuficiente”.
Eva López, educadora social en Teo: "Temos moitos casos de mulleres que sofren violencia de xénero. A psicolóxica é aínda máis difícil de abordar"
Eva López é educadora social no servizo de apoio familiar do Concello de Teo (comarca de Compostela). Nestes servizos municipais teñen "moitos casos de mulleres que pasaron por situacións de violencia de xénero, e outras moitas que sofren violencia psicolóxica”. A maioría dos casos que atenden en Teo son de mulleres “nunha faixa de entre 25 e 40 anos”, e “moitos de violencia psicolóxica, que aínda son máis difíciles de abordar”. A "dependencia económica" das vítimas e “as ameazas do maltratador cando teñen fillos" son factores que exercen tal presión sobre as vítimas "que moitas non denuncian”.
O sistema VioXén
A muller asasinada na Coruña figuraba no sistema de seguimento integral de casos de violencia de xénero (Vioxén). Había, de feito, unha sentenza condenatoria por violencia de xénero do 27 de maio contra o agresor por un episodio violento en setembro de 2024. Froito desa sentenza, a xustiza estaba tramitando medidas de afastamento da vítima, pendentes só do trámite de comunicación.
Actualmente hai 5.803 casos activos rexistrados no sistema Vioxén
O sistema VioXén leva 18 anos operativo baixo a coordinación do Ministerio do Interior. Desde a súa posta en funcionamento en 2007 atendeu na Galiza 40.775 casos. Segundo os últimos datos, de febreiro de 2025, no noso país hai 5.803 casos activos, entre os que se atopan 40 menores de idade. Co programa colaboran os 84 Centros de Información á Muller (CIM) da Galiza e están adheridos 61 concellos, o que incorpora á rede a Policía Local. VioXén actívase sempre cunha denuncia, quer por parte da vítima quer de familiares, veciñanza, testemuñas ou dos policías que saiban do caso. Son precisamente os axentes que instrúen as dilixencias os encargados de determinaren o nivel de risco da vítima: extremo, alto, medio, baixo ou non apreciado. Cada un destes niveis leva asociadas medidas policiais de protección e nalgúns casos tamén xudiciais, e conta cun plan de atención personalizado para cada vítima. A Policía valorou o caso desta última vítima como de "risco medio". " Moitas veces as mulleres atópanse nunha situación de dependencia emocional ou psicolóxica que non lles permite ver claramente o perigo no que están. Precisamente por iso, activouse o protocolo en setembro: porque a vítima non se sentía en condicións de denunciar, pero o sistema reaccionou", dixo María Rivas.
O TSXG exixe novas seccións nos xulgados de violencia machista
A xuíza Paz Filgueira matiza que nos moitos anos que leva traballando nos xulgados de violencia nunca tivo "un asasinato nin unha tentativa de asasinato cuxa vítima figurase no sistema VioXén" por unha denuncia anterior da que ela tomase declaración. "Non significa que non poida pasar, pero a min nunca me pasou”, precisa.
A Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), aliás, urxiu esta segunda feira a creación das seccións de Violencia sobre a Muller nos Tribunais de Instancia das cidades de Ferrol, Lugo e Pontevedra.
Crime de Cristina Cabo
Por outra parte, a Audiencia Provincial de Lugo condenou a 26 anos de cárcere a José Uriel V.S polo asasinato de Cristina Cabo no barrio lugués da Milagrosa no ano 2022. O asasino asestoulle 47 coiteladas durante unha discusión. O xurado popular declarárao previamente culpábel deste mesmo delito.
Tamén esta segunda feira comezou na sección segunda da Audiencia da Coruña o xuízo contra o autor confeso da violación e asasinato de Elisa Abruñedo en Cabanas (Eume) en setembro de 2013.
Centos de persoas toman as rúas contra o machismo
Centos de persoas asistiron esta segunda feira na praza de María Pita á convocatoria do Concello da Coruña para rexeitar o último crime machista. A alcaldesa, Inés Rei, e o resto da corporación municipal sumáronse á veciñanza coruñesa para condenar a violencia machista e os asasinatos que se produciron este ano. A rexedora trasladou o rexeitamento de toda a corporación municipal a este crime acontecido na cidade e asegurou que erradicar a violencia de xénero “é unha responsabilidade colectiva”.
Diante da “insoportábel vaga de violencia machista nas últimas semanas” na Galiza, a Marcha Mundial das Mulleres convocou para hoxe concentracións en 20 concellos de todo o país. A Coruña volverá mostrar na rúa o seu rexeitamento ao feminicidio do pasado domingo no barrio da Sagrada Familia, ás 20 horas, no Obelisco. En Compostela a convocatoria será na praza do 8 de Marzo, e tamén os concellos de Ames, Baiona, Betanzos, Cee, Celanova, Chantada, Ferrol, Melide, Moaña, O Porriño, O Rosal, Ourense, Ponteceso, Pontevedra, Ribadavia, Tui, Vilalba, Vigo e Vilagarcía evidenciarán este serán “a resposta do feminismo galego” diante deste novo asasinato machista. Berrarán que “abonda xa de violencia” para deixar claro que “o machismo mata”.