Galiza rexista 32 novos contaxios e volve reducir a ocupación das UCI

Na Galiza, 490 pacientes permanecen ingresadas en unidades de hospitalización (Europa Press).

O número de pacientes con COVID-19 ingresadas en Unidades de Coidados Intensivos diminúe e aumentan as altas, que suman 1.803.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade rexistrou nas últimas 24 horas 32 novos casos de contaxio do SARS-CoV-2. Así, após a ultima actualización, o número de casos activos de coronavirus na Galiza ascende a 6.856.

Deles 1.644 son da área da Coruña, 662 da de Lugo, 1.307 da de Ourense, 568 da de Pontevedra, 1.211 da área de Vigo, 1.061 da de Santiago e 403 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 85 permanecen en Unidades de Coidados Intensivos (UCI), cinco menos ca onte; 490 recupéranse en unidades de hospitalización e 6.281 no seu domicilio.

O número de altas rexistradas é de 1.803, 20 máis que hai 24 horas. Tamén aumentou o número persoas falecidas. Son 10 máis, co que a cifra ascende a 530 mortos.

O número de PCR realizadas, informa a Xunta, é de 85.690.

Centros residenciais

Segundo os datos ofrecidos pola autoridades sanitarias, o número de casos de coronavirus detectados en centros residenciais de servizos sociais da Galiza supoñen 3,5% do total das persoas residentes.

Onte morreron 4 usuarias máis en tres centros privados de DomusVi na Coruña e en Vigo. Así, o Goberno galego detalla que o número de falecidos en residencias de maiores é de 125, mais 117 en hospitais e centros integrados. En total 242 vítimas mortais.

En canto aos casos de coronavirus activos nestas instalacións suman 1.214, 870 entre as persoas residentes e 344 entre o persoal traballador.