Galiza opta por estudar o solapamento das vacinas da gripe e a Covid na Comisión de Saúde Pública

Unha muller recibe a terceira dose nunha residencia de maiores. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
Xunto coa representación da Consellaría de Sanidade, trasladou a súa negativa a da Comunidade de Madrid. Aliás, contabilizáronse cinco abstencións no marco da comisión. En calquera caso, a proposta saíu adiante e as persoas maiores de 70 anos comenzarán a ser inoculadas o 25 de outubro, coincidindo coa campaña de tratamento fronte a gripe.
A Comisión de Saúde Pública, cuxos membros se reuniron hoxe, vén de acordar que se administre unha terceira dose da vacina contra a Covid-19 ás persoas maiores de 70 anos.

A decisión foi tomada entre as e os representantes do Ministerio de Sanidade e dos distintos territorios. Malia que as primeiras informacións de Europa Press indicaban que a Galiza votou en contra desta medida preventiva, fontes da Consellaría de Sanidade aclararon que o Goberno galego está a favor desa terceira dose.

O fármaco se administrará a este sector da cidadanía a partir do 25 de outubro. Será sempre e cando xa pasaran seis meses desde que cada persoa recibiu a segunda dose do remedio fronte ao coronavirus e que se administre "en lugares anatómicos distintos".

Está previsto que a inoculación chegue ao tempo que a vacina da gripe común e, segundo Sanidade, foi neste punto no que a Galiza tivo dúbidas e por iso votou en contra. Curiosamente, a Xunta pedira que no caso de chegar esta terceira dose se fixera coincidir coa campaña contra a gripe, mais hoxe considerouse que é preciso estudar se ese solapamento -polo que, supostamente, se preguntou na quenda de votacións- é a mellor fórmula.

Aliás, déronse 12 votos a favor e cinco abstencións. "O obxectivo é aumentar a protección das persoas máis vulnerábeis. Co acordo adoptado continúase a liña que recolle a Estratexia de Vacinación fronte á Covid-19 en España e que a evidencia científica mostrou que a idade é o principal factor de risco", explicaron fontes do ministerio.

O fármaco se administrará ás persoas que corresponda a partir do 25 de outubro

O obxectivo é que, nun futuro próximo, poida ser acordada a campaña de reforzo en persoas maiores de 65 anos.

Contexto

Desde o pasado 16 de setembro está aprobada a dose adicional da vacina en persoas con transplante de órgano sólido, os receptores de transplante de proxenitores hematopoéticos e as persoas en tratamento con fármacos anti-CD20, así como aquelas con certos tratamentos inmunosupresores, de moi alto risco, e as residentes en centros de maiores.

A Axencia Europea do Medicamento (EMA) pronunciouse nesta terza feira sobre as doses de reforzo. En concreto, sinalou que se pode administrar unha terceira dose de  Pfizer porque é "segura e eficaz", aínda que deixou a decisión sobre a súa administración a cada nación.

Tamén hoxe o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, indicou que estaban á espera da decisión que se adoptase a nivel nacional, no seo do Consello Interterritorial. En días pasados, xa avanzou a postura da Galiza a favor de administrar as dúas doses de forma conxunta.