Galiza revírase contra a violencia machista este 25 de Novembro

Vilas e cidades do país acolleron accións reivindicativas co gallo do Día para a eliminación da violencia machista.

 

Desde cartaces e caixas que lembraron os nomes das sete mulleres asasinadas no país no que vai de ano até manifestacións polas rúas, quixeron facer visíbel este 25 de Novembro a violencia que acotío padecen as mulleres. 

Convocadas a mediodía pola CIG e ao serán pola Marcha Mundial das Mulleres e outros colectivos feministas, Galiza revirouse contra todas as formas de violencia mesmo representándoa con pequenas pezas de micro-teatro como en Lugo. A Deputación luguesa decidíu levar á cidade amurallada exemplos reais de comportamentos machistas e violentos. Da man da compañía Microefectos Dramatúrxicos distintas rúas e prazas de Lugo acolleron representacións teatrais coas que a institución quixo "concienciar" a veciñanza sobre "esta problemática social". 

Tamén en Vigo as rúas se encheron, desta volta d@s máis nov@s para amosar o seu rexeitamento á violencia exercida contra as mulleres na rede. Unha maré lilá percorreu a cidade olívica para denunciar o control e opresión através de redes sociais e outras tecnoloxías dixitais. As xeracións máis novas foron un dos principais receptores das distintas campañas desenvolvidas este ano arredor do 25 de Novembro. 

Mais as tradicionais concentracións e mobilizacións conviviron nesta ocasión con multitude de accións locais, máis simbólicas, que quixeron conmemorar tamén esta data. O Morrazo ou Silleda tamén saíron a algunhas das súas prazas máis senlleiras para rexeitaren o machismo e a violencia contra as mulleres. Acarón da imaxe de Camilo José Cela ou Cangas organizacións, asociacións e colectivos berraron que "o machismo mata".