DíA PARA A ELIMINACIóN DA VIOLENCIA MACHISTA

"A violencia machista exércese contra as mulleres polo simple feito de o seren"

O movemento feminista convoca esta terza feira distintas accións con motivo do Día para a eliminación da violencia contra as mulleres.

 

Máis un 25 de Novembro o movemento feminista convoca actos, concentracións e outras actividades para conmemorar o Día para a eliminación da violencia machista. Na Galiza, distintos colectivos e organizacións chaman a saír ás rúas para visibilizar todas as formas de violencia  contra as mulleres e urxen as administracións e o conxunto da sociedade a se implicar na súa erradicación. 

As accións convocadas para esta terza feira súmanse ás desenvolvidas desde distintos ámbitos ao longo de todo o mes e visan "concienciar" das distintas facianas que adquire a violencia exercida contra as mulleres. Aliás, numerosos manifestos foron editados co gallo do 25-N. Todos eles coinciden en sinalar que a violencia machista "exércese contra a muller polo simple feito de selo, por considerar que está nunha situación de inferioridade a respecto do home e por lle deber subordinación", apuntan desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galiza. 

Violencia para alén dos golpes

Porén, profesionais e organizacións feministas tamén coinciden en apuntar que a violencia machista non se produce unicamente de maneira física, senón que "a vida nunca é pacífica para as mulleres en ningún lugar do mundo", pois "somos sometidas a violencias mesmo antes de nacer e moito tempo despois", acrecentan nun comunicado conxunto Implicadas no desenvolvemento, People's Development Initiatives e as mulleres de Támil Nadu (India). 

Implicadas: "A vida nunca é pacífica para as mulleres en ningún lugar do mundo"

"Son precisamente as institucións (os medios de comunicación, os gobernos, o cinema, a literatura, a televisión, as ideas de amor e familia coas que crecemos) as que
crean estas situacións nas cales as mulleres de todo o mundo somos obxecto de violencias diversas", acrecentan desde Implicadas. Neste senso, as campañas deseñadas desde organizacións e institucións como a CIG, o Concello de Pontevedra ou o BNG quixeron focar a atención este ano nas violencias invisibilizadas, naquelas que foron naturalizadas culturalmente e que supoñen o primeiro chanzo nun ciclo da violencia que ten a súa expresión máis crúa --e evidente-- na violencia física. 

A persistencia da violencia nas xeracións máis novas

Especialmente desde múltiples sectores alertan da "persistencia" de actitudes sexistas "que adoptan novas formas e conviven coas tradicionais", explican desde o Colexio de Psicoloxía. "Entre as máis relevantes, as xeradas no marco das tecnoloxías da comunicación, que permiten formas de acoso que as mozas non deben tolerar", continúan. E é que "a violencia sexista está cada vez máis presente nas xeracións máis novas", advertía nunha conversa con Sermos Galiza, a psicóloga Ianire Estébanez. 

Inaire Estébanez (psicóloga):  "A violencia sexista está cada vez máis presente nas xeracións máis novas"

Porén, "a violencia de xénero é un problema que atinxe a nosa sociedade no seu conxunto, está demasiado enraizada na cultura, a tradición e o comportamento habitual", polo que "acontece en todas as idades, zonas xeográficas... se atinxe a xuventude é porque as mozas e os mozos non poden mudar sen máis toda unha historia de transmisión cultural na que se xustifica esta violencia", explica Estébanez. "Non debemos confiar en que as actitudes e os roles de xénero están superados nas xeracións máis novas", engaden @s profesionais de Psicoloxía de Galiza. 

A educación como "chave"

Neste senso, "a educación" tórnase un factor "chave" de prevención e loita contra a violencia machista, sexa cal for a forma que adopte. "É preciso que no ámbito da educación se realicen labores de sensibilización desde ben cedo", afirman desde o Colexio de Psicoloxía pois "no conxunto de mulleres asasinadas en 2013" no Estado español, "un terzo tiña menos de 30 anos e, de acordo coa Memoria da Fiscalía Xeral do Estado de 2012, os casos de violencia de xénero que afectaron a menores aumentaron un 33% en tan só un ano", acrecentan. 

O colectivo Lésbicas creando convoca un flash mob reivindicativo na Biblioteca Central do Campus de Ourense

Para combater a violencia machista e os comportamentos e actitudes que a xeran, desde o colectivo Lésbicas Creando organizan un Flash Mob reivindicativo este 25 de Novembro perante a Biblioteca Central do Campus de Ourense. Unha "acción colectiva" que procura a implicación da comunidade universitaria e conta coa colaboración da área de Igualdade da Universidade de Vigo e que ten por obxecto visibilizar "as alianzas" entre mulleres como unha ferramenta para nos facer "máis fortes". 

Mais este 25 de Novembro tamén foron convocadas diversas concentracións. Desde a CIG-Mulleres chaman a se mobilizar pola mañá nas sete cidades galegas baixo o lema 'Erradiquemos cultura da violencia machista'. 

  • A Coruña: ás 12 horas diante da Confederación de Empresarios/as, en Monelos.
  • Ferrol: ás 12 horas diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galiza.
  • Compostela: ás 12 horas diante do Gadis da Rúa Nova de Abaixo (ao carón da praza de Vigo), en resposta ao acoso laboral contra unha traballadora logo de exercer o seu dereito a reducir á súa xornada de traballo por garda legal dun fillo con diversidade funcional.
  • Pontevedra: ás 12 horas na Praza 8 de Marzo.
  • Ourense: ás 12 horas diante do local sindical.
  • Lugo: ás 11:30 horas diante do edificio administrativo da Xunta, na Ronda da Muralla.
  • Vigo: ás 19 horas no Marco o día 24 de novembro, coincidindo co peche do curso de Empoderamento.

Pola súa banda, a Marcha Mundial das Mulleres convocou concentracións no serán tamén nas principais cidades do país nun chamamento a se implicar na loita contra a violencia machista e a "indiferenza" social que a sustenta. 

  • Vigo:  terzak feira 25 ás 20h manifestación, saída dende a Farola de Urzaiz
  • Ourense: terza feira 25 ás 20.30h na Praza do Ferro
  • Ferrolterra: terza feira 25 ás 20h na Praza da Escola de Fene
  • Compostela: terza feira 25 / ás 20h na Praza 8 de Marzo, manifestación conxunta do movemento feminista
  • Pontevedra: terza feira 25 ás 20h na Praza da Peregrina
  • Vilagarcía de Arousa: terza feira 25 ás 20:30 Praza de Galiza, Convoca As. O soño de Lilith
  • A Coruña: terza feira 25 ás 19.00h no Obelisco, convoca acción Feminista da Coruña

Ao longo da semana, distintos colectivos e organizacións de toda Galiza continuarán coa axenda de actividades arredor desta data. Recitais de poesía, coloquios, obradoiros de micromachismos, conferencias, ciclos de cinema e proxeccións reivindicarán a loita contra a violencia machista para alén do propio 25-N. 

A ilustración que acompaña esta reportaxe é unha peza dunha obra artística de Bárbara Kruger.