Galiza recupera o sábado 100% da capacidade permitida a nivel xeral

A máscara seguirá a ser obrigatoria nos interiores (Foto: Arxina).
Restricións mínimas coa fin da emerxencia sanitaria.

Dezanove meses despois de que se declarase a emerxencia sanitaria, a Galiza volverá na madrugada deste sábado á "normalidade". Así o ratificará o Consello da Xunta na súa reunión semanal, segundo adiantou nesta segunda feira o presidente galego, Alberto Núñez Feixoo.

A medida será consultada nesta terza feira ao Comité Clínico que asesora o Goberno en materia sanitaria. A idea é aumentar a 100% todas as actividades que hoxe están a 90%.

Hostalaría

Os propios locais hostaleiros deciden o nivel de restricións que aplican. Nos de menores requisitos, o interior pode ocuparse a 75% e as terrazas a 90%; no segundo nivel, a capacidade permitida é de 90% no interior e 100% no exterior. Aliás, a Xunta reserva un terceiro nivel que se activaría por un agravamento da situación epidemiolóxica, con 30% no interior e 50% nas terrazas.

Lecer nocturno

Polo de agora non se agardan grandes mudanzas no regulamento do lecer nocturno, en cuxos estabelecementos está limitada a asistencia a 50% no interior e 75% no exterior, cun máximo de 2.000 persoas, mais os locais que exixen o certificado Covid poden abrir a 75% e 100% respectivamente. Así mesmo, poden fechar ás 4 horas da madrugada, unha máis que no resto de locais do sector.

Aloxamentos turísticos

Nos hoteis, albergues e aloxamentos turísticos está permitido o uso das zonas comúns a 75% da súa capacidade. A ocupación pode ser de 100% nas habitacións dos albergues se se trata dun 'grupo burbulla' ou unidade familiar; de 75%, presentando o certificado, ou de 50% no resto dos casos.

Comercio

Nos estabelecementos comerciais, a cabida é de 90%, mais nas zonas comúns das grandes superficies fica en 75%. Aliás, nos mercados ao aire libre con menos de 250 postos permítese a totalidade; 90%, se ten máis de 250.

Espectáculos

Os espectáculos musicais con público en pé poden usar 66% do recinto, e 90% se está sentado. Esta cifra esténdese a academias, autoescolas e centros privados de ensino.

Máscara

A máscara segue a ser de obrigado uso en todos os espazos interiores, agás no momento da consumición. Ao aire libre só se exixe cando non se pode garantir o distanciamento social de 1,5 metros.