A extensión do Xacobeo a 2022 deixa un récord de turismo na Galiza: 6,5 millóns de viaxeiros e 438.682 'compostelas' emitidas

Acto de recepción na praza do Obradoiro á 'Peregrinación Europea da Mocidade'. (Foto: Arxina)
Houbo máis de 12 millóns de pernoctacións ao longo do pasado ano no conxunto do país.

A Galiza bateu a súa marca de turistas en 2022, cun total de 6,5 millóns de viaxeiros e 12,5 millóns de pernoctacións. Un ano que remata o bienio Xacobeo que supuxo tamén a maior cifra de Compostelas emitidas, 438.682. Este dato de peregrinos é 26% superior que a até o de agora marca de 350.000 en 2019.

Así o destacou esta sexta feira a directora de Turismo da Galiza, Nava Castro, nunha comparecencia en comisión parlamentaria na que valorou o "éxito absoluto e histórico con datos nunca alcanzados" para o turismo e o Camiño de Santiago.

Castro defendeu que o elevado número de turistas débese ao traballo e a planificación, o diálogo co sector e a colaboración público-privada. Todo iso, dixo, fixo que se vise que "Galiza estaba de moda" en 2022. "Esperemos que sexa duradeiro no tempo", agregou.

Segundo os datos expostos pola titular de Turismo, houbo 6,5 millóns de viaxeiros no conxunto do país o pasado ano, "un número nunca alcanzado", con 4,7 millóns aloxados en hoteis e 1,8 en estabelecementos extrahoteleiros —cámping, casas rurais, pisos turísticos e albergues—.

No tocante aos 12,5 millóns de pernoctacións, desagréganse en 9,1 millóns en hoteis e 3,4 millóns en extrahoteleiros. A cifra representa 40% máis que o ano pasado e excédense os datos previos á pandemia. Houbo ingresos no sector duns 368 millóns de euros en 2022, 47% máis que o ano anterior e 15% máis que en 2019, ano que até o de agora tiña o máximo histórico.

As tarifas hostaleiras situáronse en 32 euros de media, tamén máximo da serie. A ocupación na Galiza foi oito puntos maior que a media e mantense como sétimo destino entre comunidades.

A Xunta apunta que se avanza cara á desestacionalización, posto que houbo unha demanda repartida: 38% en temporada alta, 38% en temporada media e 24% en baixa. O 75% do total correspóndese con turistas de ámbito estatal —engloba turistas da Galiza e procedentes doutras comunidades autónomas—, mentres o 25% restante é de fóra do Estado español.