A Galiza recibe dous avións cisterna enviados por Francia para combater os fogos
O Ministro de Interior, Fernando Grande-Marlaska, anunciou a chegada esta mesma mañá da quinta feira á Galiza de dous avións cisterna Canadair enviados por Francia que se incorporarán aos labores de extinción dos incendios.
"Francia ofreceunos os dous avións Canadair que solicitaramos, son os máis modernos, cunha capacidade de máis de 5.500 litros de auga, chegarán no transcurso desta mañá a Santiago de Compostela e estarán ao dispor da Dirección Xeral de Protección Civil", indicou Marlaska nunha entrevista en TVE recollida por Europa Press.
Respecto á posíbel petición de máis axuda, explicou que se realiza "unha avaliación constante". "No momento en que prevexamos que van ser necesarios, oxalá non sexa, pero se o fosen, actuaremos como o fixemos até o de agora, facendo a petición a través de Protección Civil, un mecanismo que reaccionou dunha forma inmediata".
