Galiza reaxe contra as touradas

Pontevedra maniféstase o sábado contra a violencia animal mentres a veciñanza de Triacastela rexeita no pleno municipal que o goberno organice unha tourada na vila.

 

Após as eleccións municipais o Concello da Coruña daba un paso histórico para se proclamar libre de touradas através da incoación dun expediente de finalización de contrato e suspensión da Feira Taurina, un evento no albo de non poucas críticas desde hai anos. De igual maneira, a equipa municipal de Sarria elixida o 24 de maio tamén rematou con este tipo de actos que o anterior goberno municipal mantiña desde había uns anos malia o rexeitamento popular e o escaso aforo.

Porén, Galiza está lonxe de rematar con esta práctica. Cidades como Pontevedra aínda acollen lidias e gobernos locais como o de Triacastela organízanas mesmo sen poderen apelar a unha suposta tradición pois nunca tiveron lugar nen contan con instalacións para practicalas. 

Esta fin de semana, unha manifestación convocada pola Plataforma Touradas fóra de Pontevedra, percorrerá máis un ano as rúas da cidade do Lérez. Desta volta a principal reivindicación do colectivo é a ruptura do convenio asinado polo goberno local, do BNG, coa Praza de Touros, de carácter privado. Embora o acordo ten por obxecto o aluguer das instalacións para o seu uso na Feira Franca, desde a plataforma sinalan que --na práctica-- supón o financiamento con 45 mil euros anuais ao lobby taurino. 

Touradas fóra de Pontevedra reclama a fin do convenio asinado polo concello para o aluguer do coso durante a Feira Franca

"Solicitamos ao Concello de Pontevedra que volte a ser referencia na quita de privilexios ao lobby taurino e que, polo tanto, suprima o convenio coa praza", sinalaron en comparecencia de imprensa con motivo da convocatoria da mobilización deste sábado. 

Así as cousas, malia os avances dos últimos anos nos que cada aumentou o rexeitamento social a este tipo de prácticas, localidades do país como Triacastela lanzáronse a organizar lidias. Da man do goberno municipal, en mans do PP, o Concello de Triacastela visa instalar unha praza móbil este verán. 

Para amosar o seu rexeitamento un grupo de veciñ@s irromperon na sesión plenaria portando cartaces nos que demandaban a anulación do acto. Aliás, iniciaron unha campaña de recollida de sinaturas através da plataforma virtual change.org.

Veciñanza de Triacastela irrompeu no pleno municipal para amosar o seu rexeitamento á organización dunha corrida en agosto

"As persoas que asinamos esta carta manifestamos a  nosa total repulsa á noticia de que o Concello de Triacastela organice unha tourada na vila. Os nosos motivos son fundamentalmente dous: A extrema violencia que supón a lidia e a consecuente mala imaxe exterior que este tipo de espectáculos de maltrato xera de Triacastela, da nosa provincia e de Galiza", afirman. 

"A lidia  é un espectáculo de violencia extrema hacia os animais", acrecentan mentres lembran á alcaldesa da localidade que ela propia afirmou no Congreso español que "o maltrato aos animais lle repugnaba". 

Desde o grupo parlamentar do Bloque Nacionalista Galego rexistraron unha iniciativa no Pazo do Hórreo a respeito do caso de Triacastela para, din, "coñecer cal é o posicionamento da Xunta de Galiza ante a celebración deste tipo de espectáculos de maltrato animal no noso país". A organización frontista salienta a necesidade de “poscionarse na defensa dos dereitos dos animais como expresión dunha sociedade civilizada e avanzada” e engadiu que “as corridas de touros non son cultura, son actos crueis e unha auténtica barbaridade”.