As touradas descenden un 20% en Galiza mentres aumentan no Estado español

O Ministerio de Educación constata a redución nun 20% destes ‘eventos’ no país durante o 2014. No Estado español aumentaron, após varios anos de descenso, se ben nun leve 0,5%.

 

En Galiza decorreron en 2014 un total de oito ‘festexos taurinos’ por dez que se realizaron no noso país no ano anterior, o 2013. Son dados dun informe do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, departamento no que o Estado engloba este tipo de eventos. Houbo en Galiza en 2014 catro corridas de touros (sete foron as que se realizaron en 2013, polo que aquí a baixada foi do 47%), dous ‘rejoneos’ con touros, un festexo mixto e 2 corridas mixtas con ‘rejones’.

De acordo co documento Estatística de Asuntos Taurinos houbo 1.868 festexos taurinos no Estado español, dos que 398 foron corridas de touros e 348 ‘novilladas’. Isto supón que, após anos de descenso, o 2014 foi de incremento, se ben cun lixeiro 0,5%, no número de festexos taurinos realizados.