Galiza é quinto territorio do Estado coa sanidade máis privatizada

Feixoo, á esquerda, e García Comesaña -cando aínda non era conselleiro de Sanidade-, á dereita, nunha imace de arquivo quirófano (Foto: Xunta da Galiza)

A Galiza é un dos territorios dentro do Estado con maior grao de privatización dos seus servizos sanitarios. Ocupa o quinto posto no ranking de sanidade 'privatizada' entre as 17 comunidades, segundo o baremo que publica a Federación de asociacións para a defensa da sanidade pública (Fadsp). A Galiza avanzou tres postos desde 2019 —de oitava a quinta— en privatización.

Alberto Núñez Feixoo despediuse na quinta feira presidindo o seu derradeiro Consello da Xunta e afirmando que unha das cousas das que máis "orgulloso" estaba dos seus 13 anos de Goberno eran "os datos en sanidade". Unha afirmación feita cando estaba a saír do forno o informe A privatización sanitaria das Comunidades Autónomas 2022, elaborado pola Fadsp.

Un estudo no que a Galiza figura como o quinto territorio do Estado en grao de privatización da súa sanidade. No informe de 2019 figuraba no posto oitavo e en 2020 no sexto. Avanzou tres posicións en 'privatización' en tres anos.

Avance privatizador

O documento afonda no que cualifica como "importante e crecente" peso que está a gañar a sanidade privada e que vai da man do progresivo "deterioro" da sanidade pública, segundo o portavoz da Federación, Mariano Sánchez.

O informe analiza toda unha serie de variábeis, desde o gasto en seguros privados até o equipamento de alta tecnoloxía dos hospitais privados, pasando pola porcentaxe de camas sanitarias 'privadas' ou consultas en especialistas da privada; e así até un total de oito criterios. 

A puntuación media no Estado, en base a estas oito variábeis, é de 20,5 puntos sobre un máximo de 37 posíbeis. A Galiza obtén 23 e sitúase coma o territorio cun "grao intermedio de privatización" que está máis perto de pasar a "elevado grao de privatización", grupo no que están Madrid, Catalunya, Balears e Canarias.

Gasto en seguro privado

A Galiza rexistra un gasto en seguros privados ao ano por persoa de 121 euros, mentres que o gasto sanitario de peto per cápita —aquel derivado de prestacións que non cubre o sistema público, por exemplo, odontoloxía— é de 457 euros anuais. Un de cada tres equipamentos sanitarios de alta tecnoloxía na Galiza están na sanidade privada e a porcentaxe de camas hospitalarias privadas sobre o total é de cinco de cada cen. O número de consultas anuais a especialistas do sector sanitario privado por 1.000 habitantes está en perto de 400 e a porcentaxe do gasto sanitario que se dedica a contratar con centos privados sitúase na Galiza en 6,5%. 

A Plataforma SOS Sanidade Pública denunciaba recentemente que "25% da atención sanitaria na Galiza xa se presta en hospitais privados". A estes datos únense os publicados por Nós Diario na quinta feira a respecto de que o Sergas derivou á sanidade privada máis de 300.000 probas diagnósticas e 117.000 cirurxiás nos últimos cinco anos.

Urxencias ao límite

A xunta de persoal da área Sanitaria de Vigo denunciou esta sexta feira a "situación límite" dos profesionais do servizo de urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro polo "aumento inasumíbel" das cargas de traballo.