Galiza é a quinta das 257 rexións da Unión Europea con menos poboación moza
De cada 100 persoas que hai na Galiza menos de 15 (14,7) teñen menos de 18 anos. Unha media que só empeora noutras catro das 257 rexións da Unión Europea: Asturias, no Estado español, e Sardeña, Liguria e Molise, en Italia. A porcentaxe de menores de idade sobre a poboación galega é, pois, a quinta máis baixa de toda a UE, segundo os datos da Oficina Estatística Europea (Eurostat) publicados o pasado 14 de outubro. Non é este o único campo demográfico no que a Galiza figura nos primeiros postos entre as rexións e territorios da UE, pois na faixa entre cero e catro anos a Galiza escala até o terceiro posto pola cola en porcentaxe de crianzas con esas idades. Só Asturias e Sardeña presentan peores rexistros neste eido.
Que menos de 14,7% da poboación galega teña menos de 18 anos non só deixa o país por baixo da media estatal (17,9%) ou portuguesa (17%), moi inferiores ao rexistro da Unión Europea (19,1%), senón que a porcentaxe tamén vai minguando a medida que pasan os anos. Hai apenas cinco, en 2019, esa faixa de idade representaba 15,1% do total da Galiza, catro décimas máis que agora. Os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) recollidos nun informe publicado a finais de 2023 afondaban na importante perda de persoas mozas: a poboación galega menor de 15 anos reduciuse 40% entre os anos 1990 e 2022.
Para que unha sociedade sexa demograficamente "sostíbel" e "equilibrada", a faixa de persoas entre 0 e 18 anos debería representar entre 20 e 25% da poboación, mentres que o grupo de persoas maiores de 65 anos debería moverse entre 15 e 20%. Na Galiza, porén, as persoas que superan os 65 anos son 26,3% dos galegos e galegas. De feito, a Galiza está entre as 25 rexións da UE con maior peso na súa poboación desta faixa de idade.
Os datos de Eurostat demostran, ademais, que a medida que vai aumentando a idade a Galiza vai avanzando entre as rexións de UE con maior peso dese colectivo entre a súa poboación. Se a Galiza é o vixésimo segundo territorio con maior porcentaxe de 65 anos de idade, avanza até o posto número 13 ao falarmos de porcentaxe de persoas con máis de 80 anos: case nove de cada 100 galegos e galegas teñen esas idades.
Este avellentamento da poboación galega —por riba da media da UE e de Europa en xeral— deixa a súa pegada na idade media dos galegos e galegas: 49,4 anos, sendo a décimo novena rexión europea coa idade media máis alta. En 2019 era de 47,9 anos e en 2015, hai case unha década, de 46,2, o que supón tres anos menos que agora.
Unha tendencia que non se reverte
2023 deixou unha marca histórica na Galiza en canto ao número de nacementos: 14.103. Nunca, desde que hai rexistros, houbo tan poucos. Unha caída de 2,7% a respecto do ano anterior, 2022, e só presentan un peor rexistro Asturias e as Illas Canarias. Pola contra, faleceron en 2023 un total de 32.804 galegas e galegos. Isto deixa un saldo vexetativo negativo de 18.701 mortos máis que nacementos. No conxunto do Estado, ese saldo negativo foi de 113.256, polo que o país achega 16% desa cantidade, moi por riba do seu peso poboacional no conxunto do Estado, que non chega a 6%.
O país continúa a transitar, se callar con máis intensidade, polo mesmo camiño que percorre desde 1988: a perda natural de poboación, é dicir, rexistra máis mortes que defuncións. En concreto, e desde aquel ano até o feche de 2023, 359.282 mortes máis que nacementos. Un número que sería o equivalente a que desaparecese a suma de todos os habitantes das cidades de Vigo e Ferrol.
A taxa de natalidade galega (5,49) está por baixo da media da Unión Europea (9,3) e por baixo mesmo da do Estado español (7,6), o cal se atopa no penúltimo posto da UE, só por diante de Italia (7,1). A Galiza sitúase moi lonxe así de Irlanda, país que lidera a natalidade no contexto da Unión Europea cunha taxa de 12 nacementos por cada mil habitantes, case tres veces máis que no caso galego.
Primeiro parto
A idade media das mulleres no momento do primeiro parto en toda a Unión Europea é de 31,5 anos, segundo os últimos datos publicados a este respecto por Eurostat, e que corresponden a 2022. Eses 31,5 anos son unha idade media que supera Galiza, o territorio da UE onde as mulleres dan a luz a primeira crianza coa idade máis alta: 34,5 anos, tres anos por riba da media europea. No outro extremo figura a rexión de Severozapaden, no noroeste de Bulgaria, onde as mulleres que dan a luz por vez primeira son as máis novas, cunha media de 27,2 anos.
O alargamento durante estas décadas da idade do primeiro parto ten as súas consecuencias, como apuntan xinecólogos e matronas. Un dato é que por volta de 26% dos partos na Galiza —un de cada catro— son por cesárea, moi por riba da "porcentaxe ideal" que sinala a Organización Mundial da Saúde (OMS) e que debe situarse entre 10% e 15%.
Na última década só 10 concellos galegos gañan habitantes
Entre 2013 e 2023 oito de cada dez concellos da Galiza (260) sufriron un devalo poboacional, mais con diferenzas. Ferrol é, por moito, o municipio que máis habitantes en termos absolutos perdeu nestes últimos dez anos: un total de 7.342, pasando de 71.232 a 63.890, segundo as Cifras oficiais da poboación. Tamén descendeu o padrón nos concellos veciños de Narón (-399), Neda (-503), Fene (-1.078) e Mugardos (-242). Dentro da comarca de Ferrolterra, de feito, só se incrementou en Valdoviño (+78) e Ares (+331). A listaxe do declive demográfico proséguena outras dúas cidades: Ourense e Vigo, que o pasado ano tiñan 3.292 e 2.827 cidadáns e cidadás menos, respectivamente, que unha década atrás. Pola contra, as súas áreas metropolitanas gañaron poboación —ou, no caso de perdela, experimentaron unha caída menor—.
No extremo oposto, o do crecemento, salientan cinco municipios pertencentes ás comarcas da Coruña e Compostela, incluída a propia capital galega, a terceira en crecemento na última década con 2.646 habitantes máis. Máis aínda medrou o concello veciño de Ames (+2.793), que logrou superar a barreira dos 30.000 até situarse nuns 32.482 que o sitúan como o duodécimo máis poboado do país.