Galiza precisa 515 enfermeiros máis nas UCI para cumprir co cociente recomendado en caso de plena ocupación

O pacientes ingresados na UCI e con hospitalizacións longas requiren unha rehabilitación intensa e maior tempo de recuperación (Eduardo Parra / Europa Press).

Segundo un estudo do Consello Xeral de Enfermaría.

Un estudo levado a cabo polo Consello Xeral de Enfermaría ( CXE) estima que, nun escenario pesimista de evolución da pandemia de Covid-19, Galiza requiriría 515 enfermeiros e enfermeiras máis nas unidades de coidados intensivos (UCI) para poder dar resposta a unha posíbel ocupación do 100% das camas dispoñíbeis e cumprir o cociente recomendado.

Ademais, e segundo este documento, dentro do peor escenario da pandemia, Galiza necesitaría incorporar nesas unidades 286 camas.

O estudo calcula que nese escenario pesimista de evolución da pandemia de, o conxunto do Esatdo español requiriría de entre 11.900 e 13.426 enfermeiros máis nas unidades de coidados intensivos (UCI).

"A presión hospitalaria na segunda onda é, desde logo, importante, pero non chegou como a vez anterior. Aínda podemos dar resposta ás demandas que temos actualmente. Pero esta situación das UCI preocúpanos moito. Todo vén ocasionado polo déficit de profesionais, nalgún momento haberá que solucionalo", sinalou en rolda de prensa virtual o presidente do  CXE, Florentino Pérez Raia.

Os maiores aumentos na creación de novas camas UCI a raíz da Covid-19 obsérvanse na Rioxa, Murcia e o Principado de Asturias

Coidados

A cobertura das unidades de coidados intensivos da Galiza está por baixo das necesidades da súa poboación. Mentres o Estado español sumaba a finais de febreiro 4.044 camas UCI, 3.058 na pública e 896 na privada, o que representaba 8,28 prazas por cada 100.000 habitantes a cifra reducíase na Galiza a 5,92 prazas por cada 100.000 habitantes.

A fenda é tamén moi elevada en relación a nacións como Alemaña, con 29,2 camas por cada 100.000 habitantes, Italia con 12,5 camas por cada 100.000 habitantes ou Francia con 11,6 camas por cada 100.000 habitantes.