Logran predicir a necesidade real de camas UCI a través dun modelo matemático

Persoal médico atende pacientes con coronavirus en Unidades de Coidados Intensivos durante a primeira vaga de contaxios. (Foto: Europa Press).
Investigadores galegos defenden a validez da fórmula malia a evolución cambiante da pandemia da Covid-19.

Son suficientes os recursos para tratar os casos de coronavirus? Foi unha pregunta chave durante a primeira vaga de contaxios e, no contexto actual, volve ser unha das cuestións fundamentais que deben abordar as autoridades sanitarias.

A pandemia da Covid-19 puxo a proba a capacidade dos coidados críticos en territorios de todo o mundo. As camas de hospital, as prazas en Unidades de Coidados Intensivos e a dispoñibilidade de ventiladores comprometeu os sistemas sanitarios ante unha evolución incerta que segue desafiando a xestión dos recursos.

Co obxectivo de anticipar as necesidades reais dunha área concreta, un grupo de investigadores galegos desenvolveu un método para predicir de antemán o número de camas UCI requiridas para atender os pacientes infectados máis graves.

Evolución do virus

Durante os meses de marzo e abril empregaron os datos reais do servizo de Epidemioloxía da Galiza para elaborar unha serie de simulacións numéricas que finalmente lles permitiu comparar as camas estimadas coas cifras reais.

O que se ve é que o modelo se axusta moi ben á realidade, polo que se podería usar no presente.

"O traballo que desenvolvemos baseouse no modelo matemático que xa tiñamos para predicir o comportamento do virus, que inclúe a clase de supercontaxiador", explica a Nós Diario o catedrático de Análise Matemático da USC Juan José Nieto Roig, un dos autores desta investigación xunto a Iván Area, Xurxo Hervada e María Jesús Purriños; un modelo que prognosticou o pico máximo de contaxios na Galiza a primeiros de abril, como así confirmaría a propia evolución do coronavirus.

Un método eficaz

O que describen agora, nun artigo publicado na revista internacional Alexandria Engineering Journal, son os detalles do modelo compartimental que definiron. "O que se ve é que o modelo se axusta moi ben á realidade, polo que se podería usar no presente" malia as circunastancias cambiantes, advirte Nieto Roig.

 O método co que estimaron o número de camas UCI que se podían precisar nos hospitais galegos durante o inicio da pandemia adecuouse ás condicións do momento: unha estimación dos individuos infectados concreta, no marco dunha baixa circulación do virus e dun confinamento que xa non se corresponde coa transmisión actual.

Cada vez é máis difícil facer previsións. As condicións cambian continuamente pero pódense seguir facendo predicións a curto prazo.

"Hai moitos aspectos que aínda se están discutindo, que descoñecemos, e que no futuro haberá que ter en conta, como pode ser a forma de transmisión máis eficiente do virus", sinala Nieto. "Con todo, o método mostrouse efectivo. As nosas estimacións para as xornadas seguintes, que a Consellaría de Sanidade tivo en conta naqueles días, encaixaron moi ben coas necesidades reais de camas UCI".

O equipo investigador prognosticou o pico máis alto nos primeiros días de abril, cunha necesidade estimada de 192 camas o día 6. Os datos reais confirmaron a cota máis elevada nos días previos, o 2 e 3, con 178 camas UCI ocupadas, por riba das dispoñíbeis nos hospitais galegos antes da pandemia.

Antes da chegada do coronavirus, o Servizo Galego de Saúde contaba con 163 camas nas Unidades de Coidados Intensivos. A primeiros de maio a Xunta dixo contar xa con 274, aínda por baixo das exixidas polo Ministerio para avanzar no desconfinamento.

Matemáticas para a planificación dos recursos sanitarios

"Cada vez é máis difícil facer previsións" sobre a incidencia da Covid-19, asegura Nieto Roig. "En canto xorde un novo foco ou se supera un limiar prefixado tómanse medidas para frear o virus, como sucede en Ourense. As condicións cambian continuamente pero pódense seguir facendo predicións a curto prazo", chave para poder planificar -no canto de improvisar- recursos técnicos moi específicos para os coidados máis críticos, defende.