As prazas hospitalarias, en mínimos históricos polos recortes

Unidade de Coidados Intensivos (Nós Diario)

A cobertura na UCI, por baixo da media estatal.

Xa son 54 as doentes ingresadas nas Unidades de Coidados Intensivos (UCI) dos centros hospitalarios galegos. Segundo os datos fornecidos polo Servizo Galego de Saúde (Sergas), as persoas infectadas polo coronavirus non paran de medrar na Galiza e multiplicouse por seis a ocupación destas unidades ao longo da última semana. Ao tempo, o número de persoas hospitalizadas continúa aumentando, situándose en 337 na xornada de onte, 67 máis que o día anterior.

O número de prazas das UCI galegas está en 274. Se ao comezo da epidemia do coronavirus a cifra de camas habilitadas nestas unidades era de 160, durante a pasada semana, o Sergas incorporou máis espazos que pasan a ter esa condición. As novas camas proceden das seccións de reanimación, unhas áreas con menor actividade a consecuencia da cancelación de operacións e cirurxías para facer fronte á pandemia. A Consellaría de Sanidade considera posíbel aumentar esta dotación con 50 novas camas.

A cobertura das unidades de coidados intensivos da Galiza está por baixo das necesidades da súa poboación. Mentres o Estado español sumaba a finais de febreiro 4.044 camas UCI, 3.058 na pública e 896 na privada, o que representaba 8,28 prazas por cada 100.000 habitantes a cifra reducíase na Galiza a 5,92 prazas por cada 100.000 habitantes. A fenda é tamén moi elevada en relación a nacións como Alemaña, con 29,2 camas por cada 100.000 habitantes, Italia con 12,5 camas por cada 100.000 habitantes ou Francia con 11,6 camas por cada 100.000 habitantes.

Falla de camas nos hospitais

“As camas son importantes nos hoteis pero non tanto nos hospitais”, sinalaba en 2016 o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, nunha comparecencia no Parlamento da Galiza. Porén, a opinión das especialistas é diferente, ao consideraren o número de camas dun sistema de saúde un dos indicadores máis fiábeis para a medir a súa calidade e capacidade. Así, unha porcentaxe elevada de camas por número de habitantes identifica unha sanidade ben organizada e cos recursos debidos para prestar unha atención axeitada á súa poboación.

A falla de camas hospitalarias é unha realidade no sistema sanitario galego. Sumando as prazas da sanidade pública e privada, Galiza conta con 333,1 camas por 100.000 habitantes, situándose por riba de Andalucía, País Valenciá ou Madrid, pero por baixo de Catalunya ou de Castela-León. Galiza fica moi lonxe da media comunitaria, 504,3 camas por 100.000 habitantes, onde destaca Alemaña, con 820,2 camas por 100.000 habitantes, pero tamén de países como o Xapón, con 1.340 camas por 100.000 habitantes; Rusia, con 820 camas por 100.000 habitantes, ou China, 420 camas por 100.000 habitantes.

As políticas de recortes do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, teñen reducido a mínimos históricos a capacidade de hospitalización do sistema sanitario galego. Só entre 2010 e 2014 deixaron de funcionar na Galiza arredor de 800 camas nos complexos hospitalarios, diminuíndo a súa cobertura na última década en 10% Neste sentido, a Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública denuncia como “a tendencia continúa na Galiza, a diferenza do acontecido noutros territorios a partir de 2018, onde se comeza a percibir unha mudanza en relación cos anos anteriores”.

A perda de prazas nas unidades de coidados intensivos e no conxunto do complexo hospitalario galego non é máis que outra manifestación do proceso de deterioro do sistema de saúde levado adiante na etapa de Feixoo. As patoloxías asociadas ao coronavirus converten agora as UCI nun elemento chave na loita contra a pandemia, até o punto de dirixir as autoridades sanitarias boa parte dos seus esforzos ao reforzamento das mesmas.

O colapso das unidades de coidados intensivos é a principal preocupación da comunidade sanitaria diante do coronavirus. A día hoxe, este escenario fai parte das hipóteses de traballo das responsábeis da sanidade da Galiza, onde o período de hospitalización medio por doente é superior á media estatal, como consecuencia do avellentamento da súa poboación. O tempo de estadía no hospital é outro dos factores que inflúen na capacidade de resposta das UCI.

O acceso das pacientes ás UCI atende ás disposicións elaboradas pola Sociedade Española de Medicina Intensiva, Crítica e Unidades Coronarias. Segundo se estabelece no protocolo asinado, “en situación de saturación ou desbordamento é necesario primar a atención daqueles casos potencialmente máis recuperábeis”, abrindo a porta á exclusión da atención sanitaria dalgúns perfís de pacientes.

Os retallos páganse

Non hai nada de improvisación na política sanitaria de Feixoo. Bo coñecedor do sistema de saúde, comezou a vida pública ocupando responsabilidades na administración sanitaria até presidir o Instituto Nacional de Salud (Insalud), con Aznar.

O programa sanitario do presidente galego responde a unha proposta ideolóxica que significa o privado sobre o público e onde a doente non ocupa o lugar central dentro do sistema. A súa herdanza non deixa dúbidas. O orzamento galego de saúde non supera 9% do PIB; o gasto sanitario esta por baixo da media estatal; o investimento no sistema publico redúcese en 18% en 10 anos; as achegas á rede privada aumentan en máis de 40% e as camas hospitalarias sitúanse en mínimos históricos.