Galiza precisa 14.072 prazas máis en residencias segundo un informe

Unha muller no comedor dunha residencia de persoas maiores (Foto: R.D.F.)
Do total de prazas de residencias en 2021 no país, 14.234 correspondían a residencias de xestión pública (67,6%), que inclúe prazas en centros públicos, prazas concertadas en centros privados, e prazas que se financian coa prestación vinculada ao servizo e as 6.819 restantes eran privadas (32,4%).

O número de prazas en residencias de maiores aumentou 3,24% na Galiza en 2021, pero aínda se necesitarían 14.072 prazas máis para alcanzar as cinco prazas por cada 100 persoas maiores de 65 anos que estabelece a Organización Mundial da Saúde (OMS), segundo revela un informe da Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais.

Do total de prazas en 2021 no país, 14.234 correspondían a residencias de xestión pública (67,6%), que inclúe prazas en centros públicos, prazas concertadas en centros privados, e prazas que se financian coa prestación vinculada ao servizo e as 6.819 restantes eran privadas (32,4%).

Atendendo á cociente de prazas residenciais por cada 100 persoas maiores de 65 anos na Galiza, segundo o seu financiamento, hai 2,03 prazas públicas fronte ás 0,97 privadas.

Respecto a 2020, obsérvase unha baixada nas prazas privadas dispoñíbeis (de 1,1% ao 0,97%) e un incremento nas públicas (de 1,83% ao 2,03%).

Datos estatais

A nivel estatal, o número de prazas incrementouse 2% en 2021 até alcanzar as 397.443 (7.766 máis que o ano anterior), tras o "estancamento" en 2020 pola pandemia da Covid-19. Non obstante aínda se necesitan 76.350 máis.

Números inadecuados

De todos os modos, a Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais advirte de que o número que se utiliza para estimar a necesidade de prazas residenciais, tomando como referencia a poboación maior de 65 anos (5%) resulta "inadecuado" na sociedade actual xa que a media de idade das persoas maiores en residencia sitúase ao redor dos 85 anos.