Galiza porfía na recuperación dos bosques submarinos de algas laminarias

Bosque mariño de algas laminarias (Foto: Carlos Suárez / Oceana).
O mariñeiro Rogelio Santos Queiruga celebra a reaparición de grandes extensións de algas pardas en zonas da costa galega onde había polo menos unha década que non se vían.

Mariñeiro mais tamén divulgador. Rogelio Santos Queiruga leva 25 anos traballando no mar e ligado a el desde moi cativo. A través das súas redes sociais dá conta do seu día a día e aproveita a pesca e as travesías en barco para facer que cada vez máis e máis xente coñeza a vida mariña. Desde o punto de vista da súa profesión e da protección do medio natural.

"Eu lembro de sempre, cada primavera, ver golfos, correas e todo tipo de algas laminarias a flote en grandes extensións, coa marea baixa. Cando empecei no mar víaas desde Corrubedo até Lariño, nunha zona de pouca profundidade onde o faro mais nas Lens". Quilómetros cadrados de correas e golfos que axiña comezaron a desaparecer, explica a Nós Diario.

Os últimos bosques mariños da Galiza

No litoral da Galiza e algunhas zonas do mar Cantábrico sobreviven algúns dos últimos bosques mariños da Península Ibérica. Atópanse formados por grandes algas laminarias coñecidas como kelps ou quelpos, que consisten en varias especies de algas pardas de gran tamaño, que poden chegar a vivir máis de 10 anos e que forman espesas formacións. 

Os bosques de quelpos equivalen aos bosques terrestres e forman ecosistemas moi produtivos e de alto valor ecolóxico. Son o hábitat de multitude de especies de flora e fauna mariñas, e serven como alimento, substrato, protección e zona de reprodución e cría de alevíns de moitas especies, incluídas moitas de interese pesqueiro. 

Son a vida do mar, un recurso importantísimo tamén para a pesca

Proporcionan moitos servizos ecosistémicos beneficiosos para o medio mariño e para o home, protexendo a costa ao controlar o efecto das ondas e actuar como arrecifes naturais protectores das praias.

Con todo, nas últimas décadas estas algas sufriron unha regresión e desaparición ao longo do litoral debido a diferentes factores bióticos, oceanográficos e ao efecto do cambio climático. A súa desaparición provoca modificacións dos hábitats mariños e unha diminución preocupante da biodiversidade mariña.

O declive das laminarias

"Foi algo paulatino". As primeiras en faltar foron as correas. "En cinco ou seis anos desapareceron por completo. A continuación, os golfos e outras algas do xénero das laminarias". A canda estas marcharon outras como as carrouchas, "que antes apañaban as mulleres por terra para poñer a secar e vender á industria farmacéutica para facer medicamentos".

Chegou un punto en que desapareceron por completo. Así, cada primavera, "no canto de medrar coma un bosque quedaban as pedras peladas, e no seu lugar empezaron a verse unhas algas invasoras que lles chaman xaponesas, aínda que nós lles chamamos gramas porque prenden nos aparellos e son difíciles de quitar".

Sufriron unha regresión debido a diferentes factores bióticos, oceanográficos e ao efecto do cambio climático

Un exemplo entre outros, que describe con forma de "boliña", como de algodón vermello, que cubrían as pedras por riba e causaban moitos problemas aos mariñeiros. "Os aparellos cargaban nelas e non pescaban".

Neses ecosistemas minguaba moito a vida. “Os bosques de laminarias serven de abrigo para multitude de alevíns e pequenos crustáceos que ao mesmo tempo son alimento para outros peixes”. Serven de alimento e protección. Sen eles, os beneficios tamén desapareceron. 

Recuperación

Rogelios Santos Queiruga apunta unha serie de 10 ou 12 anos. Nin algas nin hábitat. Agora, di, hai un lustro que volveron aparecer timidamente, mais non todas todas as especies que sería desexábel.

As correas volveron o ano pasado. Primeiro pola zona de costa, "sobre terra". Pero tamén nas pedras de fóra, que están en alta mar, "como As Basoñas, fronte a San Pedro de Muro, ou Brullos, fronte a Lariño, zonas de pesca moi importantes ambas as dúas se ve todo cheo de golfo e vese saudábel".

De onde nunca marcharon, precisa o mariñeiro de Porto do Son, foi "dun lugar que lle chaman Baea -ou Baia- unhas pedras que hai no medio da ría de Muros e Noia entre o monte Louro e o Castro de Baroña, se trazamos unha liña imaxinaria”.

Hai poucos días Santos Queiruga compartiu nos seus perfís de Twitter e Facebook un vídeo que ilustra "unha noticia excelente". O regreso das algas pardas á costa galega. "Son a vida do mar, un recurso importantísimo tamén para a pesca, xa que son o alimento de sargos, pintos, maragotas, serráns, centolas, abrigo para as nécoras, alimento para os camaróns, que son alimento para outros peixes...”.

O vídeo gravouno na praia das Furnas, en Porto do Son, na parte máis próxima a Corrubedo, na zona de San Pedro de Muro. "Pero é así en toda a contorna. Até na praia da Arnela hai unhas rochas que volven ter unha morea de laminarias como se viron en 20 anos".

Protección

As imaxes, detallan investigadores do proxecto Diversimar, a Rede de observación da biodiversidade mariña e pesqueira da Galiza e do Cantábrico do Instituto Español de Oceanografía, dan conta dun bosque da especie Sacchoriza polyschides. "É anual. As plántulas medran nas rochas e despois desaparecen". Hai anos en que son abundantes e hainos que o son menos. "É a especie máis estendida na actualidade, mentres que outras seguen a desaparecer".

Co obxectivo de protexer os últimos bosque mariños da Galiza e do Cantábrico, Diversimar iniciou esta primavera unha ferramenta web de ciencia cidadá para o estudo da biodiversidade. O que fai é pedir a colaboración de todas para encontrar eses derradeiros bosques submarinos de laminarias. Ao mesmo tempo, outros estudos analizan a xestión destas extensións, así como a súa vulnerabilidade climática.