Galiza permitirá á cidadanía recoller comida nos restaurantes e atender as hortas sen restricións

O vicepresidente da Xunta preside a reunión do Centro de Coordinacion Operativa da Galiza (Europa Press).
Os restaurantes gañan posibilidades. As persoas que previamente encarguen comida nun destes locais poderanse achegar á porta do estabelecemento para recoller a encomenda respectando todas as medidas de seguridade. A Xunta informa de novos prazos e de menos restricións no acceso ás hortas de autoconsumo e nos períodos de queimas.

A Central de Coordinación Operativa (Cecop) da Galiza acordou este sábado permitir o desprazamento de cidadáns até os restaurantes para recoller comida que encargasen previamente. Esta nova concesión deberá facerse "con todas as garantías sanitarias" e observando a "distancia de seguridade" para evitar contaxios.

Así o explicou o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, tras a reunión do órgano que coordina a emerxencia da COVID-19 no territorio, no que tamén participan o presidente da Federación Galega de Municipios (Fegamp), Alberto Varela, e a Delegación do Goberno.

Os restaurantes, que até o de agora podían repartir a domicilio, amplían as súas posibilidades. A clientela poderá achegarse á porta dos locais recoller a súa encarga, unha medida que, ademais de facilitarlle as cousas a "quen non pode ir á compra nin facer a comida na súa casa", supón unha "medida de viabilidade económica" para os propios restaurantes, explicou Rueda.

Turismo

En canto ao turismo, na reunión deste sábado aprobouse o inicio da elaboración dun plan de seguridade hixiénico-sanitaria para "reforzar a confianza" no sector. A proposta incluirá "certificacións de calidade", unha vez finalicen as restricións da pandemia, tal e como explica a Xunta a través dun comunicado.

Leiras de autoconsumo

O Cecop tamén acordou eliminar a distancia máxima de 500 metros permitida para que os particulares poidan acudir ás súas leiras de autoconsumo para efectuar labores de mantemento.

Deste xeito, non haberá distancia máxima no caso de que o terreo estea no mesmo municipio e permitirase percorrer até cinco quilómetros no caso de que estea noutro concello.

A partir do momento no que a Consellería do Medio Rural emita unha orde neste sentido, relaxarase o tope destes desprazamentos mais deberán restrinxirse ao mínimo e imprescindible que requira o cultuvo. En todo caso, informa a Xunta, as cidadás deberán achegar unha declaración responsable.

Queimas

Doutra banda, o Comité de Coordinación Operativa da Galiza aprobou que se realicen queimas de restos agrícolas amontoados en explotacións profesionais "para evitar problemas fitosanitarios", asegura o Goberno Galego.

Para obter a correspondente autorización, as interesadas deben dirixirse aos servizos de Prevención de Incendios por correo electrónico e incluír unha declaración responsábel de titular da explotación que xustifique a queima.

Limpeza de franxas secundarias

Ademais, co mesmo obxectivo de "prevención dos incendios forestais", levantarase a suspensión dos prazos legais para executar a limpeza de biomasa nas franxas de 50 metros que rodean ás vivendas.

Así, ao prazo habitual do 31 de maio engadiránselle os días transcorridos durante o estado de alarma, de modo que as limpezas deberán efectuarse antes do 31 de xullo.

Batidas de xabaril

Na mesma reunión, o Cecop acordou a autorización das batidas de xabarís en grupo  "con todas as garantías sanitarias".

En palabras do vicepresidente da Xunta, o obxectivo é "garantir a actividade agraria" e "reducir os accidentes de circulación" que produce a fauna salvaxe.