Galiza perdeu en 13 anos até 841 docentes no ensino público

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez; o deputado do BNG, Manuel Lourenzo, e a deputada do PSdeG, Noelia Otero. (Foto: Nós Diario / Europa Press)
Por parte da Xunta, o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, defendeu na sesión plenaria que as acusacións de recortes por parte de sindicatos de ensino e oposición son "total e absolutamente falsas".

O Executivo galego e a oposición cruzaron acusacións sobre o inicio do curso escolar nun pleno do Parlamento galego con intenso debate acerca do número real de docentes no ensino público galego e sobre os recortes que a oposición vén denunciando nos últimos anos. 

Por parte da Xunta, o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, defendeu na sesión plenaria que as acusacións de recortes por parte de sindicatos de ensino e oposición son "total e absolutamente falsas". Rodríguez asegurou que no inicio deste curso académico, a Galiza conta con até 11 docentes máis que o ano pasado e con 500 máis do que no último curso prepandemia.

Con todo, estes datos foron cuestionados polos grupos da oposición, que instaron o conselleiro a dar as cifras desagregadas por cursos para "demostrar a veracidade da información". En opinión do BNG e do PSdeG, o número total dado por Román Rodríguez "esconde recortes nos primeiros niveis", os que "concentran a maioría do alumnado".

O portavoz de Educación, Manuel Lourenzo, recriminou ao conselleiro que na Galiza "temos case 1.000 profesores e profesoras menos que no ano 2009 e contamos con 20.000 alumnos e alumnas máis no sistema educativo, como reflicten os datos do Instituto Galego de Estatística". 

Confronto de datos 

Lourenzo quixo evidenciar a "manipulación" dos datos de profesorado por parte do Goberno galego ao que acusou de converter a Consellaría de Educación "nun fortín en que os datos son sempre nebulosos, parciais, interesados e no cal son incapaces de ofrecer a información que se solicita". "O seu problema é que veñen aquí vender unha realidade paralela que non ten nada a ver coa realidade que están a vivir as familias", criticou, para engadir que o PP está a "empregar as Administracións para favorecer o ensino privado".

"Falta de transparencia"

Pola súa parte, a deputada socialista na Cámara galega Noelia Otero lembrou ao conselleiro que esta non é "unha polémica para nada inventada", senón que se trata "dunha situación preocupante" derivada de que "a Consellaría está instalada na máis absoluta falta de transparencia", dixo.

Outro dato que tamén provocou polémica no pleno foron as 700 prazas menos que figuran na adxudicación de destinos provisionais de profesorado. A este respecto, Otero preguntou ao conselleiro se está "a acusar os centros de inventar os datos" e ademais afeoulle que "desacredite as demandas dos docentes" após dous anos nos cales este colectivo atravesou "o peor momento histórico da súa profesión".

Perda de 841 docentes

Segundo o informe Datos e cifras do ensino non universitario da propia Consellaría de Educación, de setembro de 2021, a Galiza contaba no ano 2009, cando Núñez Feixoo chegou á Presidencia da Xunta, con 31.375 docentes no ensino público. Esta cuarta feira, o conselleiro na súa comparecencia no Parlamento cifrounos neste curso en 30.534. É dicir, 841 docentes menos que no ano 2009.